·
Tamén
se presentaron múltiples rogos de melloras en diferentes equipamentos públicos
·
“Como
semella que o Goberno local vive nunha burbulla e non se entera dos problemas
reais, o PP recolle os problemas dos veciños para trasladalos ao Pleno”, afirma
José Luis Martínez
Ordes, 24 de xullo de 2013.- O Partido Popular de Ordes volveu a
reclamar, no Pleno municipal ordinario do mes de xullo, adiantado ao martes 23,
que o Concello desbroce a totalidade das marxes das pistas e estradas de
titularidade municipal, dado que os rogos formulados ata o de agora non teñen
sido atendidos. De feito, o Partido Popular continúa recibindo queixas dos
veciños que ou ben critican que numerosos viais continúan sen ser desbrozados,
ou cuestionan as “chapuzas” cometidas en lugares nos que as tarefas de
mantemento entullan as tubaxes e canalizacións de pluviais.
Abandono dos equipamentos públicos


Entre outras medidas, o grupo
que lidera Martínez Sanjurjo reclamou que se aproveite a bonanza climatolóxica
do verán para reparar a ponte da estrada que enlaza Meitufe coa Porta do Nó;
que se revisen as farolas que permanecen acesas día e noite; e que se arranxe o
firme do vial asfaltado que comunica A Fraga da Galiña co Balado, moi
deteriorado e que numerosos veciños utilizan con frecuencia, especialmente para
dirixirse ao tanatorio bordeando o núcleo urbano.
Vertedoiro en Montaos
Os populares de Ordes tamén
instaron ao Concello a eliminar un vertedoiro situado a carón da pista
denominada “Cara a Ponte de Raña”, preto de Fosado (Montaos). No Lugar de As
Casillas, reclamou o PP que se corrixan os problemas que presenta a acumulación
de pluviais nunha vía de servizo da N-550.
Tamén considerou necesario o PP instar
ó equipo de goberno a que se coloque unha baranda de protección na pasarela situada
ao carón da Piscina Municipal, cara a Rúa do Muiño, para evitar os riscos de
caída que presenta actualmente, sobre todo para os nenos.
Facéndose eco das queixas
veciñais, o PP presentou outro rogo para que os usuarios da piscina municipal
poidan obter o carné de usuario na propia piscina, nun horario amplo, dado que
na actualidade só se pode tramitar nas oficinas do concello en horario de
atención ao público, coas limitacións que isto implica.
Tamén se interesaron dende o
Partido Popular polos problemas suscitados pola tramitación de autorizacións
para a instalación de terrazas en espazos públicos.
O Goberno, illado da realidade
“Como semella que o Goberno
local vive nunha burbulla e non se entera dos problemas reais, o PP recolle os
problemas dos veciños para trasladalos ao Pleno, xa que a realidade demostra
que, en moitas ocasións, o Concello non toma iniciativa algunha ata que nós
denunciamos as carencias”, afirma Martínez Sanjurjo.