martes, 25 de junio de 2013

O PP de Ordes pide ao Concello que revise e acondicione os puntos de auga para a extinción de incendios forestais




·     A ausencia de labores de mantemento por parte do Concello fai que algunhas desas instalacións estean cubertas pola maleza e case ilocalizables

Ordes, 25 de xuño de 2013.- O Partido Popular de Ordes reclamará, no Pleno desta semana, que o Concello revise e acondicione os diferentes depósitos de almacenamento de auga para a extinción de incendios forestais, dado que a ausencia de mantemento fai que boa parte destes equipamentos estean practicamente cubertos pola maleza e, polo tanto, case ilocalizables para os efectivos que combaten o lume.


Coa chegada do verán increméntase o risco de incendios forestais, o que esixe que os medios dispoñibles para combater esta lacra presenten as mellores condicións de uso.

O Partido Popular constatou os puntos de acopio de auga  situados en diferentes lugares do Concello de Ordes presentan un estado lamentable que non só dificulta a súa utilización, en caso necesario, polos efectivos contraincendios, senón que tamén constitúen un perigo, dada a falta de sinalización e a escasa ou nula visibilidade que presentan.

Para superar esta situación, o PP local instará ao equipo de Goberno a revisar e acondicionar, no prazo máis breve posible, os depósitos de captación de auga para vehículos contraincendios e o contorno destas instalacións.

José Luis Martínez, portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, enmarca a falta de mantemento dos puntos de captación de auga para os efectivos contraincendios no “clima de deixadez xeral que caracteriza a xestión do Concello”.