·
O grupo de Goberno apoiado polo PSOE impulsa unha nova subida
do IBI para facer fronte ás necesidades de tesourería do Concello e acredítase
que o seu plan de axuste é irreal.
Ordes, 19 de xuño de 2013.- O Concello de Ordes aprobou no Pleno de onte, cos votos
en contra do PP, unha nova subida de impostos coa que trata de facer fronte ás
súas necesidades de tesourería, ao tempo que se acredita que o plan de axuste
aprobado en marzo de 2012 é irreal por estar baseado en supostos ficticios.
Fronte
á proposta de UXO, o portavoz municipal do Partido Popular, José Luis Martínez
Sanjurjo, defendeu unha emenda coa que trataba de minorar a subida do IBI proposta polo
Concello, que en 10 anos pode chegar a un 52,94%.
Explicou Martínez Sanjurjo que as proxeccións
elaboradas polo PP conclúen que cun tipo de gravame do 0,58% revisable a
baixa (idéntico para bens de natureza rústica e urbana) e a conxelación do IPC,
o Concello tería garantida a suficiencia financeira derivada deste importe e
podería cumprir o plan de axuste; mentres que o Grupo de Goberno coa
complicidade do PSOE optou por aprobar fixar un tipo de gravame idéntico para
os bens de rústica e urbana do 0,60%, co que “facer caixa” a curto prazo.
“Os datos poñen de manifesto que Regos está a aplicar
sistematicamente subidas de impostos, nun intento desesperado por conseguir
fondos para financiar os seus “caprichos persoais”, pero négase a amortizar parte
da débeda derivada de unha mala xestión económica, levada a cabo dende que
chegou a alcaldía, espremendo cada vez máis os bolsillos dos veciños”, afirma
José Luis Martínez.