· O Informe de fiscalización dos contratos do Plan E
desvela catro irregularidades na contratación da reforma do tanatorio municipal.
· Entre outras anomalías, o Tribunal de Cuentas revela que
o Concello de Ordes adxudicou o contrato antes da aprobación do expediente.
· Maila que os adxudicatarios estaban obrigados a crear
emprego, o Concello de Ordes non incorporou cláusulas de penalización por
incumprimento desta obriga.
Ordes, 14 de maio de 2013.- As anomalías que
caracterizan a xestión do Concello de Ordes continúan aflorando e, nesta
ocasión, é o Tribunal de Cuentas o que lle saca as cores ao alcalde ordense ao
poñer de manifesto a existencia de polo menos catro irregularidades na contratación
das obras de reforma do tanatorio municipal, financiadas con cargo ao Plan E.
O
denominado “Informe de Fiscalización de
las contrataciones desarrolladas por las entidades locales en relación con las
inversiones financiadas por el fondo estatal de inversión local creado por el Real Decreto-Ley 9/2008, de 28
de noviembre” publicado polo Tribunal de Cuentas, constitúe un novo xerro
de auga fría sobre un alcalde que perde definitivamente o escaso respecto e
credibilidade que lle quedaba.
Catro irregularidades na contratación do tanatorio.
O
Tribunal de Cuentas revela que na reforma do tanatorio municipal de Ordes non
se levou a cabo a supervisión do proxecto prevista no artigo 9 da LCSP (Lei
contratos sector público), que se adxudicou o contrato antes da aprobación do
expediente, que se incumpriu o requisito de execución inmediata, e que non se
incorporou cláusula de penalización por incumprimentos de contratación en catro
contratos formalizados polo Concello de Ordes.
O Concello non esixiu a contratación de parados.
Chama
a atención, e así o sinala o Tribunal de Cuentas, que pese a que o FEIL (Fondo
estatal inversión local) estaba orientado ao fomento do emprego e a
contratación de desempregados, o Concello de Ordes non incluíse cláusulas específicas
para penalizar ás empresas adxudicatarias no caso de que estas non creasen os
empregos aos que se comprometeran.
“O
informe do Tribunal de Cuentas é unha excelente radiografía do Goberno de
Regos, no que as chapuzas e os amaños campan ás súas anchas, mentres o Concello
se afunde máis e máis cada día, obrigado a pagar unha débeda millonaria”,
afirma José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular de
Ordes.
O PP
de Ordes recorda que xa no seu momento denunciou o sobrecuste e as supostas
irregularidades na obra de ampliación do tanatorio, situación que agora
confirma un órgano constitucional do Estado.
“Lamentablemente,
unha vez máis, e o Tribunal de Contas así o verifica, o Concello de Ordes
deixou de lado o interese xeral, ignorou a legalidade e desentendeuse dos
intereses dos veciños, dado que o alcalde nin sequera habilitou os mecanismos
necesarios para que nas cuestionadas obras se contrataran persoas
desempregadas”, sinala Martínez Sanjurjo, que conclúe preguntando “qué desculpa
peregrina buscará agora o rexedor para
tratar de eludir esta nova irregularidade”.