·
Os porcos bravos que crían e se refuxian na escombreira
causan constantes destrozos nos cultivos e predios das aldeas próximas, pertencentes
ao Concello de Ordes
·
Defenderá no Pleno unha moción para que o Concello de
Ordes reclame á empresa titular da escombreira un peche perimetral efectivo, o
control da colonia de xabarís e indemnizacións para os afectados
·
José Manuel Gestal: “como sempre, o Concello de Ordes non
se entera porque o alcalde non se atreve a pisar as aldeas por temor aos
reproches dos veciños”
Ordes, 23 de maio de 2013.- O incremento descontrolado da poboación de xabarís que se
reproducen e refuxian na zona boscosa da antiga escombreira da central térmica
de Meirama estase a traducir en constantes e custosos danos nos cultivos das aldeas
próximas, a maior parte delas pertencentes a Ordes.
Tempo
atrás, a citada escombreira foi obxecto dunha restauración ambiental mediante
repoboación forestal e agora constitúe unha zona de refuxio para animais
salvaxes que, no caso dos porcos bravos, causan serios danos nas aldeas
próximas.
Medidas
Para poñer coto a esta situación, o Partido Popular
de Ordes presentará no próximo pleno ordinario municipal unha moción para
instar ao Concello a dirixirse á empresa titular da escombreira para esixirlle
que revise o peche perimetral dese espazo e zonas adxacentes para evitar que os
xabarís que crían e se agochan na área boscosa podan invadir e danar o contorno.
O Partido Popular pide tamén que no marco da
normativa vixente se execute un programa efectivo de control das poboacións de
xabarís na escombreira e nas áreas anexas propiedade da referida empresa, como
o contorno da depuradora ou a superficie forestal situada augas abaixo do encoro de San Cosmade.
A terceira das propostas do Partido Popular pretende
que a empresa titular da escombreira que causa parte do problema habilite unha
partida económica para indemnizar aos afectados polos danos ocasionados polos
xabarís na área de influencia.
Maior
incidencia nas aldeas próximas
O
concelleiro popular José Manuel Gestal, veciño da zona e autor da moción,
explica que os maiores danos provocados polos xabarís procedentes da
escombreira da central térmica se rexistran nas aldeas máis próximas, como As
Raposeiras, Orellán, Porta do Nó, Tirás, O Castro, Meitufe, A Espiñeira, A
Bailía, Vilasenín ou Pepín, se ben en ocasións, os animais se desprazan a
puntos máis alonxados .
Agrega
Gestal Sánchez que os danos dos porcos bravos se suceden a cotío en cultivos
(millo, patacas, horta,…) pero tamén en fincas dedicadas a pasto e á producción
de forraxe, ante a impotencia e o crecente enfado dos afectados, que teñen que
asumir en exclusiva as perdas económicas derivadas dos danos as súas colleitas.
E
mentres, agrega Gestal, “como sempre, o Concello de Ordes non se entera porque
o alcalde non se atreve a pisar as aldeas por temor aos reproches dos veciños”.
Paralelamente,
o PP de Ordes trasladou xa esta situación á Consellería de Medio Ambiente para
que se axilice a concesión de permisos para a realización de batidas de xabarís por parte dos cazadores da zona.