sábado, 11 de mayo de 2013

O novo depósito de auga potable de Ordes leva tres anos agardando entrar en servizo por un erro de planificación do Concello






  •     O Concello esqueceuse de adquirir os terreos necesarios para conectar o depósito á rede, o que impide a entrada en servizo do novo equipamento que custou preto de 200.000 euros


Ordes, 11 de maio de 2013.- Preto de tres anos despois de rematar as obras de construción do novo depósito de auga potable que debería prestar servizo a Ordes, este equipamento, ubicado no lugar de Merelle, preto da N-550, continúa sen entrar en funcionamento por mor dunha neglixente planificación do Goberno local.

O Concello de Ordes esqueceuse de mercar os terreos necesarios para conectar o novo depósito á rede de captación e subministración, polo que, a día de hoxe, e tras un investimento de 182.000 euros, o novo equipamento continúa sen uso algún.

A deixadez do Goberno local en relación con este asunto contrasta cos problemas no abastecemento de auga potable que presenta Ordes en determinadas épocas do ano. A insuficiente capacidade de almacenamento dos antigos depósitos provoca trastornos tanto no inverno, cando as enchentes do río no que se ubica a captación e a ETAP se traducen en augas turbias nas billas, dado que os alxibes carecen de capacidade de almacenamento suficiente para salvar eses problemas puntuais; como no verán, cando descende o caudal do curso fluvial.

O Partido Popular de Ordes enmarca o sucedido co novo depósito de auga potable na mala praxis habitual que caracteriza a planificación da maior parte das obras emprendidas polo Concello ao longo dos últimos seis anos, dos que recorda tres exemplos: a ampliación da Alameda presenta fendas e filtracións de augas; a rehabilitación do antigo Concello provocou danos estruturais que obrigaron ao seu baleirado absoluto; e as reparacións efectuadas en varias rúas da vila presentaron desperfectos escasos meses despois de ser rematadas.

“Só a un alcalde con acreditadas dificultades para a planificación se lle podía ocorrer construír un depósito de auga sen ter garantida a reserva de espazo para as tuberías de conexión”, conclúe José Luis Martínez, portavoz local do PP de Ordes.