viernes, 26 de abril de 2013

O PP de Ordes celebra a aprobación do Plan de rebacheo e advirte que vixiará o seu cumprimento



  • O alcalde fixo o ridículo no Pleno ao pedir á oposición que enumere dous baches na rede viaria municipal, ignorando o pésimo estado de moitas pistas


Ordes, 26 de abril de 2013.- O Partido Popular de Ordes celebra a aprobación, no Pleno de onte, da moción presentada por este grupo para instar ao Goberno local a elaborar e executar, durante o verán, un plan de rebacheo de todas as pistas de titularidade municipal.

Con todo, José Luis Martínez, portavoz municipal do PP, adianta que vixiarán de preto o cumprimento deste acordo, dada a “tendencia innata de Regos a incumprir a súa palabra e facer caso omiso dos acordos plenarios”.

A xuízo de José Luis Martínez, o nerviosismo co que actuou o equipo de Goberno no Pleno de onte deixa en evidencia as dificultades que atravesa o Concello de Ordes, sobre o que pesa a sospeita permanente derivada dunha xestión económica irresponsable.

Proba diso é que durante o debate da moción de rebacheo defendida polo PP, o alcalde chegou a pedir ao voceiro do PP que lle enumerase polo menos dous baches nas pistas do Concello, feito que provocou as gargalladas de todos os presentes, dado o lamentable estado de conservación que presenta a rede viaria municipal.


O programa de arranxo das diferentes pistas de titularidade municipal que comunican entre sí as distintas aldeas e parroquias do Concello, demandado polo PP na moción aprobada onte, xorde como resposta á falta de mantemento axeitado que estas infraestruturas presentan desde hai anos. Con todo, o PP aclara que este plan deberá acometerse de maneira paralela ás obras que se executen con fondos da Deputación a través dos POS, como as que estes días a través do DTC-94 permitiron arranxar diferentes rúas da vila de Ordes por importe de mais de 300.000 euros. 

José Luis Martínez, considera que o momento para afrontar as reparacións das diferentes vías é o actual, xa rematado o inverno que agravou o deterioro que presentan a maior parte dos viais.

Inventario de desperfectos.

A moción do PP propón revisar a totalidade das vías públicas de responsabilidade municipal para elaborar un inventario de desperfectos e necesidades e se programe un plan de traballo, cun horizonte temporal determinado e dotación económica específica incluída nos orzamentos 2013, aínda sen aprobar.