miércoles, 20 de marzo de 2013

O PP de Ordes defenderá no Pleno unha moción para instar ao Concello a desviar definitivamente o tráfico pesado do centro da vila



·  Martínez Sanjurjo reclama “medidas reais, non só decisións estéticas” e solicitará a implicación activa da Policía Local

·   O PP esixe explicacións sobre o pésimo estado de conservación dos baixos da Alameda, con fendas e filtracións, malia que só teñen catro anos e a obra custou máis de un millón de euros

·    O Concello continúa dilapidando recursos públicos: aprobou pagar unha factura de unha caseta para a piscina municipal descuberta a pesar de que a instalación xa estaba pechada ao público no mes de outubro


Ordes, 20 de marzo de 2013.- O grupo municipal do Partido Popular de Ordes defenderá no Pleno que se celebra este xoves unha moción para instar ao Concello a adoptar as medidas necesarias para desviar pola Rolda Lesta o tráfico pesado que na actualidade atravesa o centro da vila, provocando frecuentes trastornos que poderían evitarse se eses vehículos utilizasen a vía de circunvalación.

A avaría dun camión provocou, o pasado 6 de marzo, serios trastornos no centro da vila durante varias horas. A xuízo do PP local, este feito marcou un “punto de non retorno” que obriga ao Goberno local a adoptar “medidas reais, e non só decisións estéticas como as tomadas ata o de agora”, en palabras do portavoz popular, José Luis Martínez Sanjurjo.

O obxectivo do Partido Popular pasa por lograr que o tráfico pesado que ata o de agora ven utilizando a estrada N-550 para atravesar a vila, circule pola Rolda Leste, executada expresamente para desconxestionar o tramo urbano da estrada nacional.

A tal efecto, a moción que o Partido Popular someterá á corporación propón que nos accesos á rolda Leste se substitúa a actual sinalización vertical provisional que prohibe o tráfico de camións polo centro da vila por elementos de maior tamaño e, polo tanto, máis visibles.

Simultaneamente, o PP de Ordes reclama a implicación directa da Policía Local de maneira que nunha primeira fase sitúe unha patrulla, alternativamente, nos accesos á Rolda Leste para animar ao tráfico pesado a utilizar esta vía de circunvalación. E xa nunha fase posterior, o PP entende que a Policía Local debería ampliar o abano de medidas disuasorias, incluíndo as de carácter sancionador, especialmente cando se trate de tráfico pesado e/ou molesto, como os vehículos que desprendan cheiros ou sexan susceptibles de efectuar potenciais vertidos sobre a vía pública.

Outros asuntos

No pleno deste xoves, os concelleiros do Partido Popular tamén reclamarán explicacións ao Goberno local polos elevados importes aboados con concepto de alugueiro de carretillas elevadoras, así como polo abono de unha factura dunha caseta para a piscina municipal descuberta, durante os meses do outono, cando as instalacións permanecían xa pechadas ao público.

A lixeireza coa que o Goberno de Regos administra os recursos públicos será obxecto de outras preguntas, como as que tratarán de indagar respecto ó importante incremento do importe das facturas aboadas en concepto de xestión laboral e reclamacións de danos patrimoniais.

O PP reclamará tamén a reposición dun contedor de lixo no lugar de Carballedo, en Buscás, dado que o anterior está inutilizado desde finais do ano pasado.

As reclamacións formuladas por algúns usuarios das pistas de atletismo, que piden adecuar o horario de apertura ás necesidades dos usuarios, serán tamén trasladadas ao Pleno.

O grupo que lidera José Luis Martínez pedirá ao equipo de Goberno que explique qué uso lle vai dar ás farolas que está a substituír de varias rúas do centro da vila, malia o bo estado que presentan, dado que foran instaladas en datas recentes.

Fendas e filtracións de auga na Alameda

O Grupo Municipal do Partido Popular pedirá explicacións sobre o pésimo estado de conservación –con fendas e filtracións de auga- que presentan os baixos da Alameda, malia que foron executados hai tan só catro anos e supuxeron un investimento superior a un millón de euros. 

Entre outros asuntos, o PP tamén formulará un rogo para que o Concello arranxe as deficiencias que presenta a estrada que enlaza o núcleo de O Peñasco con Barbeiros  e pedirá explicacións sobre o apagado das farolas de A Brea (Ardemil), que levan 15 días fóra de servizo.