· Os populares reclaman a
intervención do Concello para mellorar a calidade da subministración eléctrica
no lugar da Espenica
· Un mes despois do desprendemento
rexistrado nunha ponte, a estrada que enlaza Meitufe coa Porta do Nó segue
pechada ó tráfico
Ordes, 27 de febreiro de 2013.- O Grupo
Municipal do Partido Popular de Ordes reclamará, no Pleno previsto para este
xoves, unha maior axilidade do Concello á hora de arranxar as averías que se
presentan no alumeado público municipal, dado que moitas peticións tardan
semanas en ser atendidas, e así o acreditan os veciños.
Na mesma liña, os
populares de Ordes reclamarán ao alcalde que tome medidas, ou efectúe as
xestións necesarias, para corrixir as deficiencias de subministración eléctrica
que afectan aos veciños do lugar da Espenica, onde os picos de tensión poden
danar electrodomésticos e outros equipos eléctricos.
Mellora de sinalización
No pleno de mañá, o Grupo
Municipal do Partido Popular instará tamén ao Concello de Ordes a efectuar as
xestións oportunas para mellorar a sinalización
horizontal –actualmente moi confusa- no cruce que enlaza a N-550 coa
rolda leste a entrada de Ordes dende Santiago, e coa estrada de Cerceda e co
parque empresarial de Merelle.
No capítulo de rogos, o
grupo que dirixe Martínez Sanjurjo instará tamén ao Concello a repintar a e
garantir a dispoñibilidade do espazo necesario para unha parada do bus escolar
na Rúa Mediodía, na vila de Ordes.
Estrada cortada por un desprendemento
O Partido Popular tamén
aproveitará o Pleno para reclamar ao Concello que explique se ten efectuado
algunha xestión encamiñada a arranxar os desprendementos rexistrados hai xa un
mes na ponte do Pravo Novo, na estrada que enlaza Meitufe coa Porta do Nó, e
que desde entón permanece cortada ao tráfico, obrigando aos usuarios habituais
a efectuar desvíos de varios quilómetros.
Ao mesmo tempo, o PP de
Ordes preguntará se está previsto convocar por vez primeira en case dous anos o
Consello Local da Emisora Municipal, que leva oito meses a espera de reunirse,
mentres ese medio se dedica a ensalzar o labor do equipo de Goberno e a
ningunear e ignorar á oposición.