jueves, 31 de enero de 2013

O PP de Ordes traslada ao Pleno unha proposta de apoio ás forzas de seguridade, logo das ultimas detencións de “Resistencia Galega”



·      A sede local do PP de Ordes, aos igual que outras sedes de partidos en toda Galicia, foi obxecto dun atentado en xuño de 2011


Ordes, 30 de xaneiro de 2013.- O Partido Popular de Ordes trasladará ao pleno municipal previsto para o próximo xoves unha moción na que propón que a totalidade da corporación exprese o seu rexeitamento a calquera tipo de terrorismo por atacar os fundamentos da convivencia democrática e por en risco a integridade física dos galegos e galegas, condenando específicamente as actividades de “Resistencia Galega”.

Con esta moción, o Partido Popular pretende expresar, ademais, o apoio e recoñecemento ao labor que desenvolven os corpos e forzas de seguridade do Estado na loita contra o terrorismo en Galicia e reiterar o compromiso inquebrantable coas fórmulas de participación política, as únicas aceptables e compatibles co sistema democrático.

A sede local do Partido Popular de Ordes foi obxecto, o 13 de xuño de 2011, dun atentado que se saldou con graves danos materiais sen que, afortunadamente, se producisen danos persoais. Noutros lugares de Galicia, téñense rexistrado, nos últimos anos, con anterioridade e posterioridade a esa data, feitos similares atribuídos, na maior parte dos casos, ao grupo “Resistencia Galega”.

En datas recentes, unha operación policial saldouse coa detención de presuntos integrantes desta organización violenta, feito ao que seguiron graves destrozos e incidentes protagonizados por elementos radicais en Santiago de Compostela.

Unidade das forzas democráticas

Neste escenario, o portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, considera necesario escenificar a unidade de todas as forzas políticas democráticas para reiterar o rexeitamento a calquera forma de violencia e trasladar o apoio inquebrantable aos membros dos corpos e forzas de seguridade que, co seu traballo, contribúen e protexer ao conxunto da sociedade.