·
“Só ao alcalde de Ordes se lle podía ocorrer unha idea
tan custosa como disparatada: desfacer para volver construír o mesmo”, afirma
Martínez Sanjurjo
·
Os populares desconfían do compromiso de conservación do
reloxo e das campás tendo en conta que o Concello xa “perdeu” a balaustrada de
cantería da vella alameda
Ordes, 19 de decembro de 2012.- O Concello de Ordes deberá explicar, no vindeiro Pleno
municipal, o sobrecuste que suporán os traballos de desmontaxe e derrubamento
da torre do reloxo da antiga Casa Consistorial e a posterior reconstrucción da
mesma, se é que finalmente se materializa o compromiso de reposición anunciado
desde o Goberno local.
O PP
local preguntará no Pleno sobre este asunto de maneira que os veciños de Ordes,
moitos dos cales acaban de facer fronte a unha forte subida do IBI pola
revisión de valores encargada polo equipo de Goberno do Concello, que levou aparellada
unha actualización retroactiva que acadou catro anualidades, podan coñecer o
alcance económico das improvisadas decisións do Goberno local.
O PP
de Ordes recorda que en datas recentes, e como consecuencia do dano estructural
que presenta a antiga Casa Consistorial por mor dunha intervención neglixente
impulsada polo Goberno local, o Concello de Ordes derrubou a torre do reloxo do
Consistorio, un dos emblemas da vila.
Logo
da denuncia formulada polo PP tras constatar este despropósito, o Concello de
Ordes saíu ao paso tachando o derrubamento de
“retirada momentánea” e sinalando que a estructura será reconstruída respectando
o seu “aspecto orixinal”.
En
opinión do portavoz municipal do Partido Popular, José Luis Martínez Sanjurjo,
“só ao alcalde de Ordes se lle podía ocorrer unha idea tan custosa como disparatada:
desfacer a torre do reloxo para volver construíla, iso si, con cargo aos
impostos que pagan todos os veciños e a unha débeda municipal que non cesa de
medrar”.
Un Concello que “perde” elementos do seu patrimonio
O
Partido Popular de Ordes desconfía tamén do compromiso municipal de
conservación do reloxo e das campás aloxadas no interior da torre, tendo en
conta a facilidade que ten o Concello de Ordes para “perder” elementos valiosos
do seu patrimonio. Proba diso é a “desaparición” da balaustrada de cantería que
pechaba un dos lindeiros da antiga Alameda, e que foi substituída por un
elemento metálico tras a chegada de Manuel Regos á Alcaldía de Ordes