·
A rolda
de reunións itinerantes do Partido Popular de Ordes chega esta fin de semana a
Lesta e Mercurín
·
Indignación
veciñal pola subida do IBI, que nalgún caso cuadriplica a tarifa habitual, mentres constatan o derroche
do Concello, que gastou 100 millóns das antigas pesetas nunha cafetería de luxo
no campo de fútbol
Ordes, 14 de decembro de 2012.- A situación de abandono na que
o Concello ten sumidas ás parroquias, a desmesurada subida do IBI aplicada polo
Goberno local e a incerteza dos propietarios ante o resultado final do PXOM que
non acaba de ver a luz son algúns dos asuntos que máis preocupan aos veciños do
medio rural de Ordes, segundo está a constatar o Partido Popular na rolda de
reunións que estes días celebra nas diferentes parroquias do municipio.
O portavoz municipal do Partido
Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, que desde mediados de novembro
participa en cada unha destas xuntanzas acompañado por concelleiros do seu
grupo, valora a elevada asistencia de veciños a estas reunións, que adoiten ter
como escenario os locais sociais de cada parroquia e nas que aproveita para
explicar o labor de oposición que está a desenvolver e tamén para tomar nota
das necesidades de cada zona. As propostas recollidas serán defendidas despois
no Pleno do Concello.
Informa tamén o voceiro popular
aos veciños sobre a situación económica do Concello de Ordes, que acumula unha
débeda superior aos 10 millóns de euros, sen que esa elevada carga financeira
se teña traducido nunha mellora dos servizos municipais a disposición dos
contribuíntes.
Indignación pola subida do IBI mentres o Concello derrocha a manchea
Como exemplos de actuacións nas
que o Goberno de Regos leva dilapidado esta cifra, o PP recorda as obras da
nova Casa Consistorial e a rehabilitación da antiga (que a piques estivo de
provocar o seu derrubamento, e quedará pechada ao público a medio prazo como
consecuencia dos danos rexistrados na estructura da mesma), a ampliación da
alameda, ou a construcción dunha “cafetería de luxo na zona deportiva, xunto ao
campo de fútbol, na que o Concello de Ordes gastou 100 millóns das antigas
pesetas”.
Ao comparar estes feitos coa
“brutal” subida do IBI que o Concello de Ordes ven de aplicar (con atrasos de
ata catro anos que chegan a cuadriplicar o importe aboado ata o de agora), os
veciños expresan o seu malestar coa xestión do Goberno local, ao que tamén
reprochan a ausencia de servizos municipais nas áreas rurais: as pistas carecen
de mantemento, os centros sociais e o alumeado acusan unha conservación
deficiente, mentres que outros servizos, como o saneamento ou o abastecemento
de auga, son inexistentes para unha elevada porcentaxe de residentes.
Lesta e Mercurín
A rolda de reunións do Partido
Popular chegará esta fin de semana ás parroquias de Lesta (o venres 14 de
decembro, ás 21,30 horas, no local da Asociación de Veciños, na Igrexa) e a
Mercurín (o domingo, 16, ás 11,30 horas, na escola unitaria de Pedre).