·
Será con cartos da Deputación como se arranxen algunhas das carencias das
parroquias, recorda o portavoz do PP local, que reprocha a Regos que prefira
gastar os impostos dos veciños na propia Casa Consistorial
·
O PP é o que mellor coñece as necesidades de Ordes, xa que o alcalde non se
atreve a pisar as parroquias desde a campaña das municipais e os restantes partidos
teñen unha presenza limitada no medio rural
Ordes, 21 de decembro de 2012.- O portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez
Sanjurjo, valora a inclusión da maior parte das propostas do PP local nun Plan
de Obras e Servizos de 2013 consensuado por tódolos grupos da corporación,
financiado no 95% pola Deputación da Coruña e que permitirá destinar 421.000
euros a diferentes obras no medio rural do municipio, unha área pouco atendida polo
Concello, malia que estes veciños tamén pagan puntualmente os seus impostos.
No Pleno
extraordinario celebrado esta mañá para aprobar o POS 2013, Martínez Sanjurjo
recordou a “situación calamitosa” que presenta gran parte da infraestructura de
titularidade municipal, “abandonada á súa sorte desde hai anos, posto que Regos
decidiu darlle as costas as necesidades do rural gastando os cartos de todos nun novo concello, na
ampliación da Alameda e na cafetería de luxo do campo de fútbol”.
A xuízo do
voceiro popular, a nova achega que a Deputación da Coruña destina a Ordes para
financiar o POS 2013 constitúe un alivio que permitirá reparar as principais
carencias da rede viaria municipal, con intervencións previstas e consensuadas
en todas as parroquias. “Pero sería mellor que o Concello deixase de gastar
tantos cartos en sí mesmo e gastase máis en arranxar as necesidades dos
veciños”, conclúe Sanjurjo.
O PP, o grupo que mellor coñece a realidade de Ordes

“O alcalde non
volveu pisar as parroquias desde a campaña das municipais, e os restantes
grupos teñen un coñecemento moi limitado da realidade de moitas das aldeas,
mentres que o PP se mantén ao carón da xente a cotío, como queda de manifesto
coa rolda de reunións informativas que está a celebrar en diferentes puntos do
Concello”, asevera Martínez Sanjurjo.
Próxima reunión, en Montaos
De feito, as
próximas reunións do Grupo Municipal do PP cos veciños das parroquias están
previstas para o próximo 28 de decembro, venres, en Montaos; e posteriormente,
o 30 de decembro, domingo, en A Baixa de Ardemil e Mesón do Vento.