·
A
deputada Marta González e a senadora María Jesús Sáinz participaron nunha
reunión organizada polo PP local para analizar a situación da parroquia, onde avanzaron
o estado das xestións que están a efectuar ante o Ministerio de Fomento
·
José
Luis Martínez, voceiro municipal do PP, considera necesario mellorar a
seguridade nos puntos que enlazan a N-550 cos lugares de Queis e Fosado, e
reducir así a sinistralidade neste tramo
Ordes, 29 de decembro de 2012.- O Partido Popular de Ordes
comprometeuse cos veciños da parroquia de Montaos a xestionar co Ministerio de
Fomento unha mellora da seguridade no tramo da estrada N-550 o seu paso por
esta parroquia, dada a elevada sinistralidade que se rexistra, especialmente á
altura dos enlaces cos núcleos de Queis e Fosado.
O compromiso materializouse no
transcurso dunha reunión organizada na noite deste venres polo Partido Popular
de Ordes cos veciños do parroquia –no marco das visitas que está a efectuar a
todos os puntos do Concello- e que contou coa asistencia da deputada do PP pola
Coruña no Congreso dos deputados Marta González e da senadora popular María
Jesús Sáinz. As dúas avanzaron o estado
de tramitación das peticións formuladas polo PP local, e se comprometeron ante
os veciños a continuar coas xestións precisas ata acadar que se faga efectiva
unha pronta solución con melloras para estas duas interseccións coa N-550, e a
trasladar as propostas formuladas polos veciños de mellora deste tramo de
estrada ao Ministerio de Fomento –titular da vía-.
As propostas do PP local
José Luis Martínez Sanjurjo,
portavoz municipal do Partido Popular, entende que a seguridade deste tramo da
estrada nacional melloraría substancialmente mediante dúas intervencións
puntuais:
·
Unha reforma da sinalización horizontal, cunha reconfiguración dos
carrís actuais, para formar unha illeta, á altura da vía que conduce ao lugar
de Fosado (no que se atopa a nova estación de ferrocarril de Ordes).
·
E unha ampliación da plataforma de calzada para dotala de carrís de
incorporación e espera –a actual ten só dous- á altura do vial que enlaza a
estrada nacional co núcleo de Queis, unha das áreas con maior densidade de
poboación desta parroquia ordense. Esta proposta podería executarse sen
necesidade de efectuar expropiación algunha, xa que na zona existe unha vía de
servizo e terreos dos que é titular o Ministerio de Fomento.
Continúan as reunións do PP cos veciños
A rolda de reunións do Partido
Popular cos veciños das parroquias de Ordes continúa este domingo na Baixa de
Ardemil (no local social de Cabeza de Lobo, ás 11,00 horas) e no Mesón do Vento
(local social do Campo da Feira) ás 12,00 horas.