miércoles, 26 de diciembre de 2012

O PP reitera que o alcalde de Ordes goberna de costas aos veciños e desvela que Regos non asistiu á reunión da Comisión que aprobou as obras do POS 2013



·      Martínez Sanjurjo reta a Regos a un debate sobre a situación real das parroquias para que os veciños podan comprobar quen coñece de verdade as necesidades do municipio

·      O PP acusa a Regos de descoñecer a realidade de Ordes porque escapa dos veciños, pero tamén porque non decide ó 100% no día a día do Concello 


Ordes, 26 de decembro de 2012.- O portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, reitera que o alcalde goberna de costas aos veciños, dos que só se acorda durante a campaña electoral.

Logo da sucesión de mentiras vertidas polo alcalde en relación coas obras incluídas no Plan de Obras e Servizos (POS) de 2013, financiado nun 95% pola Deputación da Coruña, Martínez Sanjurjo recorda que o Partido Popular propuxo executar obras en todas as parroquias, agás na de Ordes, dado que esta parroquia se beneficiara fai uns meses da totalidade dos 327.000 € do programa DTC (Unha Deputación para Todos os Concellos) e de 200.473 € do POS de 2012. Pola contra, o grupo de Goberno non dou xamais datos das súas propostas, e fixo pública unha primeira nota de prensa logo do pleno con datos equivocados para o POS 2013.

O descoñecemento e as mentiras das que fai gala o alcalde de Ordes na súa resposta non resultan sorprendentes dado que Manuel Regos non asistiu á reunión da Comisión que aprobou a proposta de obras de 2013 e a comunicación entre o rexedor e o concelleiro de Obras, ao igual que con outros concelleiros, á vista do que se atreve a afirmar, semella non atravesa por un dos seus mellores momentos.

Deixación de funcións do alcalde

“O alcalde descoñece a realidade de Ordes porque escapa dos veciños, dos que só se acorda cada catro anos, pero tamén porque se distancia do día a día do Concello, no que prefire que outr@s decidan por el, nunha evidente deixación de funcións”, afirma Martínez Sanjurjo.

Proposta de debate

Con todo, e para disipar calquera dúbida, Martínez Sanjurjo (35 anos, só 18 meses de concelleiro) reta a Manuel Regos (54 anos, 20 anos concelleiro, continuados de 5 anos e 6 meses como alcalde) a celebrar un debate sobre o estado e as necesidades das diferentes parroquias do Concello de Ordes para que os veciños podan calibrar quen é o que mellor coñece a situación real do municipio.