jueves, 1 de noviembre de 2012

O PP felicítase pola implantación dunha rebaixa do 75% para as licencias de obra nas explotacións agrícolas e gandeiras de Ordes



·      A modificación, impulsada polo PP a través dunha moción,  foi aprobada definitivamente no Pleno da pasada semana

Ordes, 31 de outubro de 2012.- A moción impulsada polo Partido Popular de Ordes para reducir nun 75% o imposto sobre construccións, instalacións e obras (ICIO) aplicable ás explotacións gandeiras e agropecuarias deste municipio rematou a súa tramitación no Pleno celebrado o pasado xoves día 25, que aprobou a modificación da ordenanza fiscal que regula esta taxa. 

Con este trámite, materializouse o compromiso adquirido no Pleno municipal de finais de setembro, no que a Corporación aprobou unha moción impulsada polo portavoz municipal do  Partido Popular para axudar ao sector primario de Ordes, oprimido polas estreiteces económicas derivadas da falta de rendibilidade das explotacións.

A modo de exemplo, José Luis Martínez, sinala que construír un establo de 500 metros cadrados de superficie implica, antes da bonificación impulsada polo PP, pagar ao Concello unha taxa de máis de 2.500 euros.

“Con esta iniciativa, o Partido Popular volve demostrar que é o único  que está ao carón dos problemas da xente, mentres os demais se atrincheiran nos despachos por temor a mancharse de realidade”, afirma Martínez Sanjurjo.

O Partido Popular felicítase pola implantación desta rebaixa e adianta que nos vindeiros plenos continuará propoñendo medidas factibles que redunden en beneficio dos veciños de Ordes.