·
A
escasa visibilidade e a falta de sinalización dunha curva en Vilariño (Buscás)
provocan frecuentes accidentes
·
O
portavoz do PP trasladará ao Pleno as demandas dos veciños, fartos de que o
alcalde non lles dea solución
·
O PP
alerta do abandono dos equipamentos municipais, mentres Regos derrocha cartos
en obras innecesarias
Ordes, 26 de novembro de 2012.- O Partido Popular defenderá no
Pleno municipal previsto para o próximo xoves 29 unha moción na que insta ao
Concello de Ordes a incrementar a seguridade vial no tramo de pista en curva
que discorre polo lugar de Vilariño, en Buscás, onde a escasa visibilidade, a
falta de sinalización e a ausencia de beirarrúa está a provocar frecuentes
accidentes, o último dos cales se produciu en outubro.
Os veciños de Vilariño, en
Buscás, impotentes ante a sucesión de accidentes neste punto e desesperados
pola nula resposta que o Concello ofrece fronte a esta situación, trasladaron
os feitos ao portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez
Sanjurjo, que reclamará unha solución no vindeiro Pleno.
Perigo para veciños e peregrinos
Por esta curva discorre ademais
o trazado do Camiño Inglés de peregrinación a Santiago, polo que o risco non é
só para os veciños e conductores que utilizan esta estrada, senón tamén para os
numerosos peregrinos que transitan esta senda para dirixirse a Compostela.
A ausencia de visibilidade vese
acentuada, ademais, pola ubicación dunha marquesiña que limita o campo de
visión dos veciños que se incorporan á estrada cos seus vehículos.
Demandas
Para superar estas carencias e
tratar de reducir a sinistralidade neste punto, o Partido Popular reclama ao
Concello de Ordes a que instale sinais de perigo por curva perigosa e de limitación
da velocidade a un máximo de 50 km/h no tramo de curva; que coloque bandas
rugosas permanentes nas inmediacións das dúas interseccións de maneira que os
vehículos se vexan obrigados a reducir a velocidade; e que se mellore a visibilidade
colocando cadanseu espello nas dúas interseccións para garantir a incorporación
segura dos vehículos á estrada.
Ademais, o Partido Popular
estima necesario estudiar a posibilidade de reubicar a marquesiña que reduce a
visibilidade nunha das interseccións e instalar gardarraís no vértice exterior
da curva, con espazo suficiente para facilitar o acceso ás fincas de labor.
Para mellorar a seguridade dos
peóns que camiñan por esta zona –peregrinos, que descoñecen a perigosidade do
tramo, en moitos casos-, o Partido Popular insta ao Concello a construír unha
beirarrúa elevada sobre o nivel de asfalto, aproveitando o sobreancho a base de
saburra xa existente na zona.
Abandono das infraestructuras do rural polo equipo de Goberno
José Luis Martínez Sanjurjo,
portavoz municipal do PP de Ordes, considera que o que está a acontecer en
Vilariño non é máis que un exemplo da situación de abandono na que o Concello
de Ordes mantén as diferentes infraestructuras do municipio, en especial as do
ámbito rural, mentres derrocha cartos a manchea en obras de discutible
utilidade e nula demanda social, como a ampliación da Casa Consistorial ou da
Cidade Deportiva.