25 DE NOVEMBRO
DE 2012
O día 25 de novembro converteuse nun día de reflexión e sensibilización
para expresar o rexeitamento máis profundo a todo tipo de violencia contra as
mulleres.
A violencia de xénero debe ser considerada
como un problema público e social de primeira magnitude.
Representa un ataque ao dereito á vida, á integridade física, ao libre
desenvolvemento da personalidade, á liberdade, á seguridade, e á non
discriminación, tal como xa proclama a nosa Constitución e o noso Estatuto.
Todos os poderes públicos teñen a obriga de adoptar as medidas
necesarias para facer reais e efectivos estes dereitos.
Mentres siga existindo un só caso de violencia de xénero non viviremos
nin gozaremos dunha sociedade que poida vivir libre e en igualdade real entre
mulleres e homes.
Estamos convencidos que a erradicación da violencia de xénero pasa por
un proceso de maior concienciación social e de educación.
A conquista real da igualdade, do respecto á dignidade humana e da
liberdade das persoas, ten que ser un obxectivo prioritario das políticas
públicas, polo que é fundamental levar a cabo, dende todas as Administracións,
actuacións transversais que incidan na
mellora da igualdade de oportunidades a todos os niveis.
Por todo o anterior, o Partido Popular de Ordes proporá a adhesión do Concello
de Ordes á Rede de entidades locais en contra da violencia de xénero, acción
promovida polo Goberno galego e a FEGAMP, xa que esta Rede se configurará como
un instrumento que permita conseguir o rexeitamento social e institucional da violencia de xénero, sensibilizando á
poboación e conseguindo a súa implicación e compromiso real contra esta lacra.