jueves, 4 de octubre de 2012

O Concello de Ordes incumpre os compromisos adquiridos co persoal da piscina climatizada e co pleno corporativo, logo de asegurar que lles ía respectar as condicións

·     A decisión do Concello de rescindir unilateralmente o contrato coa empresa que ata o de agora xestionaba o recinto sitúa aos traballadores nunha situación de clara indefensión laboral e perda de dereitos
·     “Estas son as consecuencias das arroutadas do alcalde, que toma decisións caprichosas sen reflexionar sobre as súas consecuencias”, afirma o voceiro do PP

 
Ordes, 4 de outubro de 2012.-  Tan só unha semana despois de asegurar no Pleno municipal que o Concello de Ordes ía respectar as condicións laborais do persoal da piscina climatizada logo de rescindir o contrato da empresa concesionaria, o Goberno de Regos xa está a incumprir a palabra dada.
Os traballadores, que estes días están a ser citados no Concello, sufrirán un grave deterioro das súas condicións laborais, xa que no lugar de unha subrogación deberán asinar novos contratos nos que non se lles respectan dereitos adquiridos, como a antigüidade.
Evitar despedimentos
 
Ante esta situación, o Partido Popular de Ordes advirte que adoptará unha actitude vixiante para evitar que o Concello poda lesionar as condicións laborais dos traballadores da piscina e impedir que se produzan despedimentos.
José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, sinala que “éstas son as consecuencias das arroutadas do alcalde e da vicealcaldesa, que toman decisións caprichosas, sen reflexionar sobre as consecuencias legais e laborais que se poden derivar de tales medidas”.
 
Difícil encaixe legal
A decisión do Concello de Ordes de rescindir o contrato coa concesionaria da piscina climatizada e asumir directamente a xestión do complexo ten provocado serias tensións no seo do equipo de Goberno, dado o difícil encaixe legal da medida, e así ten sido acreditado polo Partido Popular.