· O voceiro popular, José Luis Martínez, considera
excesivas as taxas que o Concello cobra polas obras de reforma e ampliación das
explotacións, feito que limita aínda máis a modernización do sector
· Construír un establo de 500 metros cadrados implica pagar
unha taxa de máis de 2.500 euros ao Concello
· “Atravesamos un momento difícil e o Concello debe poñerse
ao carón dos seus veciños, axudando, neste caso, aos nosos labregos e
gandeiros”, afirma Martínez Sanjurjo
· Ordes conta segundo o IGE (2009) con máis de 800
explotacións agrarias, moitas das cales se poderían beneficiar da medida
Ordes, 26 de setembro de 2012.- O Partido Popular de Ordes defenderá no vindeiro Pleno
unha moción para instar ao Concello a rebaixar nun 75% as taxas que cobra aos
agricultores e gandeiros que pretendan efectuar algunha obra de reforma ou
ampliación das súas explotacións, dado que o elevado importe dese imposto fai
que gran parte dos afectados desistan de acometer estes traballos ou teñan
serias dificultades para facer fronte a ese gravame.
A
modo de exemplo, coa actual ordenanza en vigor (modificada en decembro de
2010), construír un establo de 500 metros cadrados supón pagar ao Concello de
Ordes unha taxa de mais de 2.500 euros. Outro exemplo: reformar un alpendre de
300 metros cadrados implica aboar unha taxa de 830 euros ao Concello.
Xa existen outras bonificacións
Para superar
esta limitación á modernización do sector primario, o Partido Popular pretende
que o Concello modifique a súa Ordenanza Fiscal Número 4, reguladora do imposto
sobre construccións, instalacións e obras, introducindo unha bonificación do 75%
sobre as obras, construccións e instalacións de carácter agrícola e gandeiro en
beneficio de quen acredite ser profesional de un destes sectores. Na
actualidade xa están contempladas bonificacións especificas para a incorporación
de sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar e para as
reformas no interior das vivendas para adecualas á discapacidade das persoas.
Este feito demostra que, se o Concello quere, pódese aplicar unha rebaixa neste
imposto.
O
Partido Popular agarda que o resto das formacións que integran a Corporación de
Ordes apoien esta proposta, encamiñada a axudar ao sector primario, de gran
importancia no Concello, e que está atravesando unha intensa crise derivada da
falta de rendibilidade das explotacións. Co prezo do leite nos niveis de hai 20
anos e cun incremento dos custes de producción (pensos, abonos, combustibles,
…) situado en arredor dun 60%, moitas granxas teñen serias dificultades de
supervivencia.
Custe inasumible
“Nun
momento de tantas dificultades, os valentes que se arriscan a reformar ou
ampliar as instalacións das súas explotacións atópanse cunha dificultade
engadida: o elevado custe e moitas veces inasumible da licenza de obras que
lles aplica o Concello” afirma José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal
do Partido Popular de Ordes.
“Atravesamos
un momento difícil e o Concello debe poñerse ao carón dos seus veciños,
axudando, neste caso, aos nosos labregos e gandeiros para que podan mellorar as
súas explotacións”, agrega o voceiro popular.
Segundo
datos do IGE correspondentes ao ano 2009, Ordes contaba entón con 841
explotacións agrarias.