viernes, 21 de septiembre de 2012

A revisión catastral encargada polo Concello de Ordes condena aos veciños a unha suba inasumible do IBI



·   O Partido Popular responsabiliza en exclusiva ao alcalde da recente revisión catastral e pide medidas que minimicen o impacto da subida

·   En lugar de revisar o catastro, o Concello podería reducir dietas e recortar gastos en cartelería, festas, coches oficiais ou no Museo do Traxe


Ordes, 21 de setembro de 2012.-  A recente revisión dos valores catastrais de Ordes, efectuada por petición do propio Concello, provocou unha subida inasumible do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para moitos contribuíntes. O Partido Popular atende estes días as queixas de infinidade de propietarios afectados, que están a recibir recibos con cifras inasumibles para economías modestas, nalgúns casos con todos ou varios membros da unidade familiar en paro e con ingresos que non superan os 400 euros.

Ante as dúbidas suscitadas entre os veciños, e as falsidades vertidas desde o Concello para tratar de xustificar, mediante enganos, os importes postos ao cobro, o Partido Popular de Ordes aclara que esta subida ten a súa razón de ser na recente revisión catastral, solicitada unilateralmente polo Goberno local.

O feito de que esta revisión implique, en moitos casos, o incremento da base liquidable, tradúcese tamén na obriga de pagar os atrasos correspondentes en ata catro anualidades.

Familias incapaces de asumir o pagamento

A suma destes dous factores –revisión catastral e actualización da base liquidable- provoca que algunhas familias de Ordes sexan incapaces de facer fronte ao pagamento requerido. É o caso dunha familia, con todos os seus membros no paro e so uns ingresos mensuais de 400 euros, á que lle reclaman case 1.000 euros, ou o de outra, que cos atrasos de 4 exercicios, que deberá pagar arredor de 3.000 euros de IBI este outono.

O Concello debe minimizar o impacto do  recibo

Neste escenario, o portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, insta ao Concello a habilitar os mecanismos necesarios para minimizar o impacto da subida do IBI sobre as economías familiares.

En opinión de Martínez Sanjurjo, o sensato sería que, en lugar de ter ordenado a revisión catastral, o Concello de Ordes aplicase un plan de axuste recortando en gastos innecesarios, como as dietas de 190 euros que percibe cada concelleiro de Regos por asistir ás Xuntas de Goberno local, ou as dos plenos e comisións, como solicitou o PP recentemente.

Poderíanse recortar tamén os gastos en cartelería, en festas, en vehículos oficiais (sobre os que non existe control algún e mesmo utilizan persoas alleas ao Concello), no Museo do Traxe, e así ata completar un largo etcétera que evitaría esta suba “brutal” da contribución.