- O Concello de Ordes, acumula unha débeda de 786 euros por cada veciño, que medrou un 350% desde 2007
- Martínez Sanjurjo cuestiona que cada concelleiro de Regos cobre 190 euros por asistencia á Xunta de Goberno local, que se reúne cada semana por espazo de escasos 30 minutos
Ordes, 2 de agosto de 2012.- O grupo municipal do Partido Popular de Ordes rexeitou hoxe, cos seus votos en contra, a Conta xeral de 2011, por entender que o equipo de goberno local está a desenvolver unha política presupostaria insostible, carente de rigor e que conduce ao Concello ao abismo presupostario.
Os votos do PP, xunto cos de BNG e CdG, impediron ao Goberno local aprobar a conta xeral, xa que os votos de UXO (que goberna en minoría), e o do único concelleiro do PSOE, non resultaron suficientes para sacar adiante o documento.
Como exemplos da ausencia de rigor na xestión orzamentaria, o portavoz municipal do Partido Popular apuntou que o equipo de Regos leva xerado unha débeda total, a curto e medio prazo, de 10.180.086,29 euros, cifra que equivale a 786,23 euros/veciño. O incremento da débeda desde o ano 2007 foi de un 350,57%.
Un Concello insolvente
Na súa intervención durante o pleno extraordinario celebrado esta mañá, o portavoz popular, José Luis Martínez, argumentou que, á vista do informe elaborado polo interventor municipal, o Concello de Ordes se atopa nunha situación de insolvencia, non é capaz de pagar aos proveedores durante o prazo estipulado pola lei e mesmo acumulaba obrigas pendentes de anos anteriores ao exercicio 2011.
A falta de rigor e disciplina que caracteriza a xestión económica do Concello de Ordes queda tamén en evidencia con feitos como o incumprimento do plan de saneamento aprobado en xullo de 2009 ou a execución de gastos sen consignación orzamentaria, feito anómalo que vulnera a normativa en vigor.
Dietas inaceptables por reunións de media hora
Á vista deste feitos, Martínez Sanjurjo considerou que “desgraciadamente, o alcalde e mailo equipo de Goberno de Ordes non están á altura das circunstancias, dado que están máis pendentes dos seus intereses que dos intereses xerais do Concello e dos veciños: Só así se explica o "sableo" que están a propinar ao orzamento municipal, cobrando dietas inaceptables neste momento de crise”.
Como exemplo, o portavoz popular recordou que cada concelleiro do equipo de Goberno que apoia a Regos cobra 190 euros por cada xunta de Goberno local, que se reúne unha vez á semana por espazo de escasa media hora. Recordou que a recente proposta do Partido Popular para reducir estes gastos, así como os das dietas por comisións informativas, foi rexeitada polo Executivo local co apoio do Psoe.