viernes, 27 de julio de 2012

O alcalde de Ordes recupera o seu pacto co PSOE para evitar reducir o gasto da corporación nun 24%, como propuxo o PP



· Regos pacta cos herdeiros de Zapatero para manter as indemnizacións excesivas aos seus concelleiros de goberno

·  O PP reclama a inmediata reposición dun paso de peóns que o alcalde eliminou, ás tres da mañá, na rúa do Recreo


Ordes, 27 de xullo de 2012.- O alcalde de Ordes, o independente Manuel Regos, valeuse do apoio do seu antigo socio do PSOE para rexeitar, no Pleno celebrado este xoves, a proposta coa que o Partido Popular propoñía reducir nun 24% o gasto da corporación municipal.

Para poñer coto á proliferación de convocatorias extraordinarias impulsadas polo alcalde, incluíndo o exceso de comisións informativas, en moitos dos casos baleiras de contido e coa única finalidade de incrementar os ingresos dos membros do equipo de Goberno en concepto de dietas, o Partido Popular defendeu no pleno deste xoves unha moción para reducir dietas e soldos da corporación ata lograr un aforro de 112.000 euros nos tres anos que restan de lexislatura.

Este aforro lograríase suprimindo as indemnizacións por asistencia a plenos e comisións extraordinarias, reducindo as indemnizacións por asistencia á Xunta de Goberno local e a comisións informativas, e reducindo o soldo do alcalde nun 7,1%, o equivalente ao importe dunha paga extraordinaria.

Sen embargo, o enrocamento do alcalde impediu aprobar esta proposta, para o que se decantou por unha iniciativa do PSOE que só reducirá o gasto nun 5%, fronte ao 24% que propoñía o Partido Popular.

Dietas inadmisibles

José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular, cuestiona que o alcalde de Ordes “antepoña os seus propios intereses e os dos seus concelleiros, sableando ao Concello con dietas inxustificables neste momento de intensa crise”. Admite Martínez Sanjurjo, sen embargo, que “non nos sorprende o rexedor perpetre esta medida valéndose do apoio dos sucesores de Zapatero, o peor presidente da historia democrática da España e que será recordado por levar o país á ruína, como está a facer Regos co Concello de Ordes”.

O PP de Ordes lamenta tamén que no pleno ordinario de onte o Concello se negase a incluír a rehabilitación do pavillón polideportivo do CEIP Campomaior no programa de investimentos da Deputación da Coruña, a pesar de que se trata dunha instalación de titularidade municipal, que presenta un avanzado estado de deterioro.

“Desaparece” un paso de peóns no Recreo

O Partido Popular aproveitou o pleno para preguntar pola recente “desaparición” dun paso de peóns na rúa do Recreo, a pesar de que fora pintado recentemente, logo das obras de conservación efectuadas neste vial titularidade da Deputación de A Coruña.

O Partido Popular denuncia que este paso de peóns foi eliminado seguindo indicacións do Alcalde, obviando a posteriori as demandas formuladas por numerosos veciños da zona, que reclaman novamente esa sinalización horizontal para poder atravesar a rúa con seguridade, dada a elevada densidade de tráfico que rexistra.

O Partido Popular interpreta este feito como unha mostra máis do comportamento “dictatorial e caciquil do alcalde de Ordes, que é capaz de facer calquera cousa, ignorando os intereses dos veciños, con tal de contentar aos seus amigos”.

Por iso, o Partido Popular reclama a inmediata reposición do paso de peóns eliminado polo alcalde de Ordes, con nocturnidade e alevosía. De feito, para eliminar esa sinalización, o Concello mobilizou ao persoal do Grumir local ás 03:00 horas, unha hora coa que trataba de evitar a ira dos veciños efectuados.