miércoles, 25 de julio de 2012

O PP de Ordes insta ao Concello a reformar o polideportivo do CEIP Campomaior cos fondos consignados no novo plan da Deputación



·      A instalación data da década dos 80 e precisa dunha rehabilitación que mellore a súa funcionalidade, tanto para os mais de 360 alumnos do centro, como para os restantes usuarios

·   No pleno deste xoves, o PP local tamén instará ao Concello a reclamar da empresa constructora os danos que xa presentan as obras de ampliación da Alameda

·      O PP cuestiona o hipotético plan de rebacheo do Concello, dado o mal estado de moitos viais


Ordes, 25 de xullo de 2012.-  A situación de deterioración, derivada do paso do tempo e do uso continuado do pavillón, que presenta o polideportivo do CEIP Campomaior de Ordes,  leva ao Partido Popular a reclamar do Concello que execute as obras de mellora desta instalación con cargo aos fondos asignados a este municipio no marco dun novo plan de investimentos da Deputación da Coruña para o ano 2012.

O pavillón do colexio Campomaior ten a súa orixe nunha pista descuberta executada a mediados da década dos anos oitenta, pero a día de hoxe, precisa dunha posta ao día, que, en opinión do Partido Popular de Ordes, debería incluír a substitución da cuberta e dos paramentos verticais para mellorar o illamento, a iluminación e a acústica, instalar unha nova pista sobre a actual base de formigón, ademais de mellorar os vestiarios e aseos.

As obras de reforma deste pavillón non só beneficiarían aos mais de 360 rapaces escolarizados neste centro, senón tamén aos usuarios que se desprazan a esta instalación fóra do horario lectivo para practicar deporte. En diferentes ocasións, este pavillón ten acollido, ademais,  actividades diversas con presenza de público.

Desperfectos na ampliación da Alameda

Ao tempo, o Partido Popular trasladará ao Pleno os crecentes desperfectos que presentan as obras de ampliación da Alameda, a pesar do escaso tempo transcorrido desde que remataron os traballos.

“As obras de ampliación da Alameda Municipal non só supuxeron un gasto desmesurado no pasado mandato; agora, o paso do tempo encárgase de demostrar que os traballos se desenvolveron cunha máis que probable neglixencia por falta dunha correcta planificación, o que explicaría os desperfectos que rexistra o firme, as filtracións de auga aos locais inferiores e mesmo o deterioro estético que presentan os laterais, especialmente o muro contiguo ás escaleiras que comunican a parte inferior da alameda co parque municipal, intermedio co hotel”, afirma o portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo.

Neste contexto, o Partido Popular esixe ao Concello que adopte as medidas necesarias para reclamar os danos á empresa que executou as obras e a inste a corrixir as deficiencias no prazo máis breve posible.

Plan de rebacheo

A través de outro dos rogos que presentará no Pleno deste xoves, o  Partido Popular pretende ter acceso ao suposto plan de rebacheo do Concello de Ordes, dado o mal estado de conservación que presentan moitas vías deste municipio. Como exemplo, o PP cita a pista que discorre entre a parroquia de Lesta e o núcleo de Pepín (Mercurín), e que continúa sen arranxarse, a pesar das reiteradas demandas formuladas polo Partido Popular.

Outros asuntos

No Pleno ordinario previsto para mañá no Concello de Ordes, o Partido Popular formulará, tamén, as seguintes iniciativas:

·   Moción para reducir drásticamente o gasto do Concello en dietas e soldos da Corporación municipal.
·   Rogo para acceder a unha copia da documentación que o Concello enviou á Xunta para o informe previo á aprobación inicial do PXOM.
·      Rogo para colocar un espello que mellore a seguridade viaria no lugar de A Rúa (Buscás), facilitando a incorporación de vehículos.
·     Rogo para que a Policía Local de Ordes incremente as patrullas e as faga extensivas aos diferentes núcleos rurais do municipio para previr a inseguridade.
·  Pregunta sobre a situación do peche perimetral executado polo Concello nunha finca situada ao carón da rolda leste e o parque empresarial.
·     Pregunta sobre a inclusión de 16 persoas do Grumir no cadro de persoal do Concello para 2012.

Toma posesión dun novo concelleiro do PP

No Pleno desta semana tamén tomará posesión o novo concelleiro do Partido Popular, Luis Caamaño Fraga, da parroquia de Parada, que accede a este cargo en substitución de Pedro Carrasco, que renunciou á súa acta de concelleiro por razóns de carácter persoal.