· O voceiro municipal do PP rexistrou un escrito
solicitando a máxima transparencia para este documento
Ordes, 4 de agosto de 2012.- O portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José
Luis Martínez Sanjurjo, ven de rexistrar no Concello unha solicitude formal
para instar ao Goberno local a publicar de inmediato na web municipal a
totalidade do documento remitido á Xunta de Galicia para a elaboración do informe
previo á aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
A
solicitude do Partido Popular pretende transparentar o contido do PXOM, e que
tódolos interesados poidan ter acceso para consultar a documentación que o
integra.
Na
fase anterior, cando o PXOM estivo en período de suxestións, o Concello
resistiuse a publicalo na web (acabou facéndoo como consecuencia da presión exercida
polo PP) e negouse a expoñelo ao público polas parroquias, como demandaran
tamén os populares.
A lei obriga
a informar aos veciños.
Martínez Sanjurjo basea a solicitude de
publicar na web o documento previo á aprobación inicial do PXOM na Lei
9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio
rural de Galicia que, no seu artigo 100, sinala que “os instrumentos de
ordenación urbana, con tódolos seus documentos, tanto se se atopan aprobados
como durante a súa tramitación, serán públicos e calquera persoa poderá, en
todo momento, consultalos” e mesmo “obter copias deles”.
O Partido Popular considera que o xeito máis
doado de dotar de transparencia a estes documentos é publicalos na páxina web
do Concello.