viernes, 13 de julio de 2012

O PP de Ordes celebra que BNG e PSOE se sumen á súa proposta de reducir dietas e convocatorias extraordinarias no Concello




·      A “hiperinflación de convocatorias de plenos e comisións que o alcalde promove para dotar de soldos aos seus concelleiros é unha inmoralidade que o Partido Popular non está disposto a consentir”, sinala Martínez Sanjurjo


Ordes, 13 de xullo de 2012.- O Partido Popular de Ordes celebra que BNG e PSOE se sumen agora á súa proposta de reducir o importe global que o Concello dedica ao pagamento de indemnizacións por asistencia a plenos e comisións.

O Partido Popular denunciou tempo atrás, como volve facer agora, a proliferación de convocatorias de plenos extraordinarios (cunha indemnización de 150 euros/concelleiro) e de comisións (105 euros/concelleiro), convocatorias inxustificadas no caso dos plenos, e case sempre baleiras de contido por falta de documentación das comisións, que só responden ao interese do alcalde por pagar dietas aos concelleiros do equipo de Goberno, aos que a oposición liderada polo PP, deixou sen soldo na actual lexislatura.

A modo de exemplo, o portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, recorda que a pasada semana o alcalde convocou tres comisións diferentes, sen a remisión previa do necesario contido documental, e que non duraron máis de 10 ou 15 minutos cada unha. “Esta proliferación de comisións, e mesmo o Pleno extraordinario do pasado venres, o quinto en nove meses, retratran claramente o proceder dun alcalde que prima os intereses persoais fronte aos dos veciños que pagan impostos e sosteñen o Concello”, afirma o voceiro popular.

Inmoralidade

A “hiperinflación de convocatorias de plenos e comisións que o alcalde promove para dotar de soldos aos seus concelleiros é unha inmoralidade que o Partido Popular non está disposto a consentir”, sinala Martínez Sanjurjo.