viernes, 6 de julio de 2012

O Partido Popular de Ordes doará a Cáritas as dietas que perciba pola asistencia ao pleno extraordinario deste venres



·      Martínez Sanjurjo considera “indecente” a proliferación de plenos extraordinarios convocados polo alcalde coa única finalidade de cobrar dietas

·  O alcalde multiplica a convocatoria de comisións, baleiras de contido documental, coa única finalidade de incrementar os ingresos dos seus concelleiros, aos que o Partido Popular e outros partidos da oposición retiraron o soldo

·      Os populares de Ordes denuncian a actitude antidemocrática do alcalde por convocar o pleno extraordinario de aprobación dos presupostos en ausencia de un concelleiro

·      A presión da oposición obriga ao alcalde a retirar da orde do día a ampliación da zona ORA a todo o centro da vila


Ordes, 6 de xullo de 2012.- Os cinco concelleiros do Partido Popular de Ordes doarán a Cáritas o importe das dietas que perciban por asistencia ao Pleno extraordinario convocado para esta mañá polo alcalde de Ordes.

Con esta decisión, o Partido Popular quere expresar o seu malestar pola proliferación de convocatorias de plenos extraordinarios (cunha indemnización de 150 euros/concelleiro) e de comisións (105 euros/concelleiro), convocatorias innecesarias no caso dos plenos, e case sempre baleiras de contido por falta de documentación das comisións, que só responden ao interese do alcalde por pagar dietas aos concelleiros do equipo de Goberno, aos que a oposición liderada polo PP, deixou sen soldo na actual lexislatura.

Indecencia

Así, o portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, denuncia que esta semana, o alcalde convocou tres comisións diferentes, baleiras de contido documental, e que duran non máis de 10 ou 15 minutos. “É evidente –afirmou- que esta proliferación de comisións, e mesmo o Pleno extraordinario de hoxe (o quinto en nove meses), retratran claramente o proceder dun alcalde que non só actúa con covardía, senón que deixa claro que prima os intereses persoais en lugar de velar polas necesidades dos veciños que pagan impostos e sosteñen o Concello”.

“Estase cometendo unha indecencia e quero deixar constancia da frontal oposición do Partido Popular a este xeito de actuar, máxime nun momento no que se están a aplicar recortes para sacar a España da crise na que nos sumiron Zapatero e os seus cómplices, Regos entre eles, dado que o alcalde de Ordes pediu o voto para o PSOE”, afirma Martínez Sanjurjo.

Pleno “trampa”

No Pleno extraordinario celebrado esta mañá, o Partido Popular volveu expresar o seu malestar pola “trampa do alcalde”, que convocou esta xuntanza ás presas aproveitándose de que un concelleiro do Partido Popular aínda non puido tomar posesión por non se ter recibido a corresponde acta da Xunta electoral.

O portavoz municipal do Partido Popular recordou que se o Concello leva máis de seis meses cos presupostos prorrogados, ben podía agardar un par de semanas máis para tratar de sacar adiante as contas de 2012 unha vez formalizada a toma de posesión do novo edil. Sen embargo, a verdadeira razón da convocatoria estriba na minoría precaria coa que goberna o alcalde, incapaz de articular apoios estables que lle garantan a gobernabilidade de Ordes, dado que UXO só conta con 7 dos 17 edís que integran a Corporación.

O Partido Popular tamén cuestionou con dureza que o alcalde aproveitase a convocatoria de hoxe para aprobar unha suba xeneralizada de todos os impostos municipais, trasladando ao peto dos veciños a débeda de máis de 10 millóns de euros que xerou durante os cinco anos que leva no cargo.

ORA máis cara

Finalmente, a presión exercida desde os grupos da oposición forzou ao alcalde a retirar a da orde do día o punto que pretendía estender a zona ORA a todas as rúas do centro da vila.

O PPdeG felicítase pola retirada deste punto, xa que supoñía o primeiro paso dunha estratexia encamiñada a duplicar a recadación por estacionar na zona azul.