jueves, 5 de julio de 2012

BELÉN DO CAMPO TRASLADA O COMPROMISO DA XUNTA DE GALICIA DE SEGUIR A MELLORAR OS EQUIPAMENTOS EDUCATIVOS DO CONCELLO DE ORDES



  •      A delegada territorial da Xunta na Coruña avaliou con representantes da comunidade educativa do CEIP Campomaior as necesidades do centro


A Coruña, 4 de xullo de 2012.- A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, subliñou esta tarde o compromiso da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na mellora dos equipamentos educativos do Concello de Ordes. Así llo trasladou ao portavoz municipal do Partido Popular e concelleiro, José Luis Martínez, á tamén edil, Susana Mosquera, e aos representantes da comunidade educativa do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Campomaior, cos que hoxe mantivo unha reunión de traballo.

No encontro, a directora do colexio, Mercedes Barros, e a membro da ANPA Ana Herves trasladáronlle á representante do Goberno galego na provincia a necesidade de levar a cabo melloras no edificio, entre as que se atoparía a creación dun corredor cuberto no lateral do inmoble para facilitar o acceso dos alumnos e alumnas, a dotación de aseos adaptados na área de Educación Infantil ou o traslado da aula de informática. Pola súa banda, Do Campo comprometeuse a estudar estas propostas e a remitilas de inmediato ao departamento autonómico para o seu análise.

A delegada territorial tamén amosou a súa vontade de traballar intensamente para darlles cumprimento no menor prazo de tempo posible e beneficiar aos 360 rapaces de Educación Infantil e Primaria que estudarán neste centro educativo o vindeiro curso. Neste senso, Do Campo trasladoulle tanto á comunidade educativa como aos representantes políticos a disposición do Executivo galego de explorar todas alternativas para acadar a mellor solución e seguir mantendo a aposta da consellería pola calidade do sistema educativo. “A Xunta traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo dos mestres e alumnos”, sinalou a delegada.