· Martinez Sanjurjo cuestiona que o Concello
pague noites de hotel cos cartos dos veciños ou que contrate unha carpa por
preto de 50.000 euros por procedemento negociado sen publicidade
· Regos deberá explicar no Pleno deste xoves as
razóns do descontrol no gasto municipal
Ordes, 28 de xuño de 2012.- O Partido Popular de Ordes
aproveitará o Pleno municipal de mañá para reclamar explicacións ao alcalde
sobre a sucesión de gastos de difícil xustificación nun momento no que a débeda
do Concello supera os 10 millóns de euros.
O Partido Popular considera
inadmisible que o Concello de Ordes asuma o pagamento de “hospedaxes” relacionadas
coa recente Festa do Lacón (así recolle unha factura aprobada pola Xunta de
Goberno local do pasado 29 de marzo) e esixirá ao alcalde que explique as
razóns dese gasto e quen ou quenes se beneficiaron de “noites de hotel gratis total a conta dos impostos de
todos os veciños de Ordes”.
“Sabemos que o rigor na xestión
dos cartos públicos brilla pola súa
ausencia no Concello de Ordes, pero esta factura dispara as alarmas,
porque só nos faltaba acreditar, como sucede con esta factura, que algúen
disfrute de vacacións de balde con cargo aos nosos impostos”, afirma Martínez
Sanjurjo.
Na mesma liña, o grupo municipal
que lidera Martínez Sanjurjo preguntará ao alcalde se considera que o Concello
de Ordes se pode permitir destinar máis de 48.000 euros ao alugueiro dunha
carpa cando a débeda municipal ascende a máis de 10 millóns de euros, como fixo
o Goberno local o pasado 1 de marzo.
Contratación sospeitosa
Para o Partido Popular resulta
sospeitoso que a contratación dese servizo se efectuase por procedemento
negociado e sen publicidade, cando unha licitación aberta, na que diferentes
empresas puideran presentar ofertas, podería resultar máis económica para as
arcas municipais.
No Pleno previsto para a tarde de
mañá xoves, o Partido Popuar de Ordes tamén defenderá unha moción para instar
ao Concello a que deixe de marcar a liña informativa da radio municipal, de
maneira que este medio poda emitir contidos plurais, a diferencia do que
acontece actualmente, no que se censuran sistematicamente as informacións críticas
co equipo de Goberno.
Piden tamén os populares unha
reorientación dos contidos dos paneis informativos que o Concello instalou na
Alameda e no Campo da Feira e que son utilizados para impulsar a imaxe do
alcalde.
Outras iniciativas do PP para o Pleno
ROGOS:
· Recolocar
a marquesiña danada por un accidente no lugar de Folgoso (Pereira).
· Garantir
a apertura e peche do cemiterio municipal nos horarios establecidos, dado que
algunhas noites non se pecha.
· Arranxo
do vial de acceso a Carballedo (Buscás) e do que comunica o lugar de Outeiro
coa estrada de Lanzá.
· Corrixir
as deficiencias detectadas nos pasos de peóns da vila de Ordes.
· Executar
as obras comprometidas para evitar asulagamentos nas vivendas de Tras do Cruxo
e Fontenla (Merelle).
· Instalar
sinais de limitación de velocidade e outros elementos disuasorios na pista que
atravesa o lugar da Folgueira (Mesón do Vento).
· Arranxar
os desperfectos que presentan as escaleiras que comunican o campo da feira do
Mesón do Vento coa estrada N-550.
No capítulo de preguntas, o grupo
municipal do Partido Popular tamén se interesará polas subsanación que o
Concello debería ter enviado á Xunta de Galicia para incorporar ao informe
previo á aprobación inicial do PXOM,
sobre as actuacións desenvolvidas polo Concello no contorno do río Mercurín; e
polas obras que se están a executar en Guindibóo de Abaixo.