viernes, 29 de junio de 2012

O Partido Popular de Ordes celebra a subvención da Xunta para arranxar o vial que comunica Buscás co Mesón do Vento



·      A Xunta financia as obras con máis de 100.000 euros, corrixindo así o deficiente mantemento desta pista

Ordes, 29 de xuño de 2012.- O Partido Popular de Ordes valora a decisión da Xunta de Galicia de outorgar a unha subvención por importe de 106.536,87 euros para financiar as obras de arranxo do vial que comunica a parroquia de Buscás co núcleo do Mesón do Vento, que presentaba un serio deterioro como consecuencia da falta de conservación por parte do Concello.

Jose Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, celebra a decisión da Xunta (enmarcada no programa de proxectos estratéxicos da Consellería de Medio Rural), que contribúe a paliar a falta de mantemento que presenta a maior parte da rede viaria de titularidade municipal.

Os populares ordenses cuestionan o abandono no que o Concello de Ordes ten sumidos os camiños e pistas do municipio, ata o punto de que algúns deses viais presentan un estado de abandono que os converte en intransitables nalgúns tramos.

O PP de Ordes atribúe esta situación á deficiente planificación do Goberno local, que preferiu gastar inxentes sumas económicas en proxectos de dubidosa utilidade, como a ampliación da alameda ou a nova casa consistorial, en lugar de apostar por investimentos que beneficien a un maior número de veciños, como poderían ser os orientados a mellorar o firme da rede de camiños de titularidade municipal.