domingo, 10 de junio de 2012

O PP de Ordes considera un despropósito que o Concello inicie agora as obras na piscina descuberta


·        En lugar de ter executado as obras durante o inverno para telas listas no verán, o Concello agardou a xuño para derrubar todo o equipamento que dá soporte á piscina.
·        A decisión parte do mesmo equipo de Goberno que provocou un dano irreversible á casa consistorial que pretendía rehabilitar.

Ordes, 9 de xuño de 2012.- As obras iniciadas estes días polo Concello de Ordes nas dependencias da piscina municipal do Campo da Feira constitúen un “auténtico despropósito”, tendo en conta que puideron ser efectuadas durante o inverno pasado para deixar as instalacións listas para o seu uso ao comezo do verán, como veu sucedendo ata o de agora. Así o considera o PP de Ordes, que enmarca esta medida na sucesión de decisións absurdas que se empeña en adoptar o equipo de goberno local.

Riscos dunha obra apresurada
O Partido Popular de Ordes cuestiona a decisión do equipo de Goberno na medida en que vai implicar a execución de traballo a toda présa, co conseguinte risco de que que xurdan deficiencias, como xa ten acontecido con outras actuacións deste tipo acometidas na vila nos últimos meses, e que, a posteriori, poden resultar difíciles de corrixir.
Con todo, para os populares de Ordes non resulta sorprendente que Regos e o seu equipo de goberno aproveiten o comezo do verán para executar as obras na piscina descuberta que, casualmente, só está operativa durante o período estival. Non sorprende a decisión por ter sido adoptada polo mesmo alcalde que, pretendendo acometer unha lixeira rehabilitación da Casa Consistorial, acabou provocando un dano estructural irreparable, con risco de derrubamento para o conxunto do edificio, que leva preto dun ano apuntalado e pechado a cal e canto.



 
O alcalde das decisións absurdas
“Lamentablemente, Regos pasará á historia non só como o alcalde que sumiu a Ordes na bancarrota en so catro anos, cunha débeda real recoñecida de máis de 10 millóns de euros, senón por adoptar un amplo abano de decisións absurdas e contrarias a toda lóxica, ás que agora se suman as obras na piscina descuberta cando, precisamente, debería estar lista para entrar en servizo”, afirma José Luis Martínez Sanjurjo, voceiro municipal do Partido Popular de Ordes.