miércoles, 13 de junio de 2012

A débeda do Concello de Ordes supera xa os 10M €, mentres o Interventor advirte do incumprimento do plan de saneamento


·          Regos deixa a cada veciño unha débeda per cápita de 786,2 euros e un Concello abocado a reducir servizos municipais e subir os impostos

·      O Concello carecía de recursos para afrontar as débedas a curto prazo, mentres aumentaban os pagos pendentes de exercicios anteriores; agora en parte saldados co crédito ICO por importe de 2,8 millóns de euros

·      “Regos e os seus concelleiros baleiraron as arcas municipais sen ofrecer contraprestacións ao conxunto dos veciños”, afirma o voceiro do PP de Ordes


Ordes, 13 de xuño de 2012.- O informe elaborado polo Interventor de Ordes en relación coa conta xeral deste Concello correspondente ao ano 2011 volve advertir, como xa fixera noutros documentos anteriores, que o equipo de Goberno que dirixe Manuel Regos está a incumprir o plan de saneamento aprobado no ano 2009, situando as  finanzas municipais nunha situación calamitosa.

Así as cousas, ao rematar o exercicio presupostario de 2011, o Concello de Ordes presentaba unha débeda total de 10.180.086,29 euros, cifra que supón unha débeda per cápita de 786,20 euros por veciño.

Futuro con menos servizos e máis impostos municipais

A herdanza que deixan tras de sí os cinco anos de Manuel Regos á fronte da Alcaldía de Ordes tradúcese non só nunha abultada débeda que deberán pagar os veciños, senón tamén nun inminente recorte dos servizos municipais e un incremento das taxas e impostos sobre as que ten competencia o Concello.

A delicada situación económica do Concello de Ordes leva ao interventor municipal a advertir que cun fondo de manobra negativo  que supera os 3,5 millóns de euros, “o Concello non é capaz de saldar as débedas a curto prazo cos recursos dos que dispón”. Na mesma liña, chama a atención sobre o “importante incremento das obrigas pendentes de pago de exercicios anteriores”.

Respecto ás obrigas pendentes a 31 de decembro de 2011, o PP local agarda que todas fosen saldadas co crédito ICO concedido a través da liña de financiamento para o pago a proveedores do goberno central, por importe de 2,8 millóns de euros, pero que van supoñer nos 10 anos de devolución (ata xuño do 2022) uns intereses de mais de 1 millón de euros para o Concello de Ordes.

Na liña doutros informes  recentes, o técnico municipal recomenda diminuir os gastos non estrictamente necesarios para o funcionamento do Concello e a prestación de servizos esenciais.   Tal recomendación caeu ata o de agora en saco roto, como quedou acreditado coa propensión do alcalde a derrochar fondos públicos tanto en obras inservibles, como en financiar equipamentos de escaso ou nulo interese para os veciños (carpas, comilonas, etc).

Arcas baleiras

Para o voceiro municipal do Partido Popular de Ordes, “o negro panorama debuxado no informe sobre a Conta Xeral de 2011 confirma, punto por punto, os pronósticos efectuados tempo atrás polo PP e que o alcalde tildaba entón de infundados. A realidade é teimuda e agora certifícase a estratexia económica suicida seguida por Regos e os seus concelleiros, que baleiraron as arcas municipais sen ofrecer contraprestacións que beneficiasen ao conxunto dos veciños. Lamentablemente, os feitos demostran que Ordes carece do Goberno local que os veciños necesitan e merecen”.