· Presentará diferentes iniciativas
no vindeiro Pleno para que o Concello corrixa as carencias que presentan as
dúas rotondas do vial recentemente inaugurado
· En tan só un mes xa se teñen rexistrado
accidentes na rotonda de enlace da rolda leste coa N-550 e coa estrada de
Cerceda e o risco aumenta en situacións meteorolóxicas adversas ou escasa
visibilidade
Ordes, 29 de maio de 2012.- O Partido Popular de
Ordes presentará no Pleno previsto para o próximo xoves diferentes iniciativas encamiñadas a mellorar a seguridade do trazado
e a sinalización do último tramo da rolda leste, inaugurado o pasado 26 de
abril.
O Grupo Municipal do
Partido Popular instará ao Goberno local, a través dunha moción, a formalizar a
permuta dun predio situado ao carón da rotonda da Gorita, de xeito que se poda
eliminar un muro elevado que dificulta a visibilidade e afecta á seguridade
viaria nesa zona.
Os populares de Ordes
tamén trasladarán ao Pleno da Corporación outras iniciativas para instar ao
equipo de Goberno local a mellorar a seguridade na rotonda que enlaza a rolda
leste coa estrada Nacional -550 e coa de Cerceda, dado que pese que tan só
transcorreu un mes desde desde a entrada
en servizo do novo vial xa se teñen producido accidentes neste punto. E o risco
pode incrementarse exponencialmente en situacións meteorolóxicas adversas ou
con escasa visibilidade.
Mellorar a sinalización
Ao tempo, o PP buscará un
acordo para mellorar a sinalización da rolda leste, tendo en conta as situacións
de confusión que se teñen producido entre condutores non familiarizados con
esta zona.
A rolda leste de Ordes
executouse en virtude dun convenio entre o Concello e a Xunta de Galicia. A
Administración municipal encárgase de executar as obras, que son financiadas
pola Xunta unha vez que o Concello presenta as correspondentes certificacións.
Data histórica para Ordes
José Luis
Martínez Sanjurjo, portavoz municpal do Partido Popular de Ordes, apunta que “o
pasado 26 de abril foi un día histórico para Ordes na medida en que entrou en
servizo o derradeiro e máis necesario tramo da rolda leste, unha infraestrutura
longamente agardada polos veciños e veciñas e financiada íntegramente pola
Xunta de Galicia”.
Engade o
voceiro popular que durante esa xornada “restituíu a verdade en relación co
financiamento da obra, pois acreditouse que mentres o Concello de Ordes bate
récords de morosidade, a Xunta do Partido Popular sí paga puntualmente as súas
facturas”.