sábado, 6 de mayo de 2023

Martínez Sanjurjo: “Ordes decidirá entre o avance e a estabilidade dos últimos anos ou volver ás falcatruadas que todos recordamos”

  • Arredor de 900 veciños arroupan a presentación da candidatura do PP de Ordes
  • O conselleiro de Sanidade comprométese a realizar probas de radiodiagnóstico en Ordes, evitando desprazamentos a Santiago
  •  A lista popular inclúe cinco novas incorporacións, catro deles mozos/as que votarán por vez primeira o 28-M
  • Martínez Sanjurjo fai balance dos últimos catro anos como alcalde: máis do 80% do programa electoral está cumprido



 

 

Ordes, 6 de maio de 2023.- O Partido Popular de Ordes presentou na noite do pasado venres a candidatura coa que se concorrerá ás vindeiras Eleccións municipais, un equipo humano encabezado por José Luis Martínez Sanjurjo, que aspira a revalidar a Alcaldía con maioría absoluta. 

 

Arredor de 900 de veciños déronse cita no pavillón Campomaior da vila para arroupar a candidatura. O acto contou coa participación do conselleiro de Sanidade da Xunta, Julio García Comesaña, quen anunciou que o departamento que dirixe se dispón a realizar en Ordes probas de radioagnóstico programadas, evitando deste xeito moitos desprazamentos a Santiago.





 

Na súa intervención, Martínez Sanjurjo apuntou que 5 dos 17 integrantes da candidatura se presentan por vez primeira e que catro deles/as votarán por vez primeira o 28 de maio, dada a súa xuventude. “Creo que é bo -e a experiencia así o demostra- combinar veteranía con renovación”, apuntou o aspirante a reelección. A lista inclúe representantes de cada unha das 13 parroquias de Ordes.




 

Comicios determinantes

 

A xuízo do alcalde popular, os do 28-M “será uns comicios determinantes para Ordes, para decidir entre continuar pola senda de avance e estabilidade pola que levamos circulando oito anos, mellorando os servizos públicos, coas contas do Concello saneadas, e co interese xeral da veciñanza como único obxectivo; ou volver ás falcatruadas duns e outros, que todos recordamos”. 

 

Considerou tamén que a cita electoral permitirá revalidar o liderado de Alfonso Rueda, despois do relevo “modélico” na Xunta e no PPdeG; ao tempo que agarda sirva para “erguerlle a tarxeta vermella a Pedro Sánchez para dicirlles que basta xa de tanto estropicio” e facerlles ver que chegou o momento de que Alberto Núñez Feijóo colla as rendas do Goberno de España nas vindeiras Xerais.



 

Compromiso coa transparencia

 

Recordou Martínez Sanjurjo que o Partido Popular  de Ordes “cumpre o que promete e só promete o que sabe que pode cumprir”. 

 

Fiel ao seu compromiso coa transparencia e a rendición de contas, adiantou que na próxima campaña distribuirán dous documentos: o programa de Goberno e un balance da súa xestión á fronte do Concello de Ordes, titulado Dito e Feito e no que acredita a execución de máis do 80% dos compromisos cos que se presentou hai catro anos. Apuntou que no mandato municipal que agora remata, o Concello de Ordes executou máis de 300 obras por un importe superior aos 27 millóns de euros. 

 

Martínez Sanjurjo foi precedido, no uso da palabra pola número 2 da candidatura e actual tenente de alcalde de Ordes, Ana Soneira, que se mostrou orgullosa de formar parte do “equipazo” liderado polo rexedor ordense, e recordou a “amargura” e a “angustia” provocadas pola pandemia.

 

Saúdos,