·
O PP de Ordes esixe que se suspendan as liquidacións
erróneas que poden provocar serios quebrantos económicos a moitos veciños
·
Medra o malestar veciñal ante o Concello pola sucesión de
erros, que nalgúns casos indican que construcións de uso agrícola tributen como
se fosen de uso industrial
·
O PP anima aos veciños a protestar ante o Concello e
recorda que as cantidades pagadas indebidamente poden ser recuperadas con
intereses de demora unha vez tramitada a reclamación
Ordes, 14 de setembro de 2013.- A revisión dos valores catastrais efectuada polo Concello
de Ordes estase a traducir en numerosos erros que converten en vítimas
inocentes a moitos veciños que, nalgúns casos, recibiron recibos desorbitados
que chegan a multiplicar por máis de 13 o importe aboado en 2012.
Sirva
como exemplo un contribuínte que no pasado exercicio 2012 ingresou en concepto
de IBI de urbana pola súa vivenda 309,83
euros, e que no ano 2013 acaba de recibir unha liquidación para ingresar 4.183,02 euros (ou sexa o 1350%);
contribuínte ao que en ningún momento se lle notificou alteración algunha da
descrición ou da valoración do seu ben inmoble.
Son
xa numerosos os propietarios que estes días recibiron por correo certificado
liquidacións do IBI correspondentes ao exercicio de 2013 e que non se
corresponden a aplicar o valor catastral de anos precedentes, nin ao derivado
da valoración colectiva e ponencia de valores do 2014.
Erros variados
Os
erros detectados gardan relación coa incorporación de bens inmobles e da
valoración de solo rústico como urbano. Nalgúns casos trátase de ben inmobles
situados en núcleos de solo rural que se liquidan cun recibo de urbana, pero
tamén se incorporan a estes recibos valores de construccións agrícolas
(establos, alpendres, cobertizos, ...) que se liquidan como de uso industrial.
Para
tratar de frear esta situación –o período de pagamento voluntario remata o próximo
5 de novembro-, o Partido Popular presentará unha moción no vindeiro Pleno
municipal co fin de lograr a suspensión ou unha moratoria do pagamento dos
recibidos do IBI mentres non se corrixan as deficiencias detectadas. Desde o PP tamén contactarán coa Xerencia do Catastro
na procura de solucións.
Anima aos veciños a reclamar no Concello
Con
todo, o Partido Popular anima aos veciños a persoarse cos recibos erróneos nas
oficinas municipais para efectuar a correspondente reclamación. Recordan tamén
os populares ordenses que no caso de que o Concello cobre cantidades indebidas,
os afectados terían dereito á devolución con intereses de demora no caso de que
as súas reclamacións sexan atendidas.
O
Partido Popular atribúe estes erros ás presas que caracterizaron a posta en
marcha dunha nova cartografía para a ponencia de valores 2014, sen a preceptiva
notificación aos titulares dos bens e conseguinte exposición pública con
apertura de período de alegacións.
Insiste
o Partido Popular en que tanto os erros nos recibos do IBI como a subida
xeneralizada aplicada en Ordes no período 2014-2023, son responsabilidade do
equipo de Goberno, dado que este é un imposto exclusivamente municipal no que a
Deputación Provincial se limita a facer labores de recadación aplicando os
tipos de gravame aprobados polo Pleno.