·No mitin celebrado este venres no Mesón do Vento, o portavoz municipal
dos populares recordou que “foi a Xunta do PP, e non outros” a que pagou todas
as grandes obras acometidas en Ordes nos últimos anos
·Celebra que calquera dos mitins organizados ata o de agora polo PP nas
parroquias de Ordes teñen congregado máis asistentes que o de Rubalcaba en
Cerceda, que arrancou con medio cento de persoas
·Belén Docampo, candidata do PPdeG pola Coruña, pide que “cando vaiades
votar, pensade simplemente en Galicia”
·A Xunta de Galicia investirá en breve 50.000 euros en diferentes obras
de mellora no CEIP Campomaior
Ordes, 12 de outubro
de 2012.- O
portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez, pediu este
venres o voto para o Partido Popular “con toda a humildade do mundo, porque non
somos perfectos, e porque sempre hai cousas que se poden facer mellor”, pero
tamén animou aos veciños a reflexionar antes de exercer o seu dereito ao voto
para elixir “entre un Goberno responsable, o do presidente Feijóo, que só pensa
no interese xeral de Galicia, ou un muchipartito, feito de retales, que só
busca repartirse o botín da Xunta”.
No mitin do Partido Popular celebrado este venres no Mesón
do Vento, Martínez Sanjurjo volveu agradecer a asistencia que están a rexistrar
as convocatorias electorais desta formación. Congratulouse de que tanto o mitin
de Montaos como o do Mesón do Vento teñan rexistrado unha participación masiva,
que supera amplamente a do acto electoral convocado polo PSOE en Cerceda, a
semana pasada, con Rubalcaba e Pachi
Vázquez como principais oradores, e que se
iniciou con apenas 50 persoas como público.
A Xunta paga
Na súa intervención, Martínez Sanjurjo insistiu na xestión
responsable desenvolvida por Feijóo na pasada lexislatura e puxo como exemplo o
sucedido en Ordes.
“Foi a Xunta de Feijóo, e non outros –enfatizou-, a que
pagou os máis de 2 millóns de euros das
obras da rolda Leste; a que destinou 724.000 euros a obras no medio rural de
Ordes; a que financiou as obras do Campo da Feira de Ordes; a que arranxa o
despropósito que a piques estivo de provocar o derrubamento da antiga Casa
Consistorial; a que seguiu apostando polo Centro de Información á Muller
con más 115.000 euros; á que investiu
máis de 1,3 millóns de euros no parque de bombeiros, a que destinou máis de
250.000 euros en apoio aos nosos comerciantes e preto de 3 millóns de euros en
préstamos incentivables do IGAPE ou 1,8 millóns de euros en axudas aos nosos
gandeiros e agricultores”
O voceiro popular recordou tamén que “foi unha Xunta do
Partido Popular a que proxectou e deixou ultimado o convenio para construción
do Paseo Fluvial do que tanto presumiron outros; ou que foi unha Xunta do PP a
que construíu o novo centro de saúde, os xulgados, o centro comarcal, a piscina
climatizada, o segundo instituto, numerosas obras de saneamento e abastecemento
de auga, como a do Mesón do Vento, o recinto feiral do Mesón do Vento, o parque
de bombeiros, o polígono empresarial, a depuradora, a estrada de Carballo ou a
que enlaza Ordes coa autoestrada”, entre outros exemplos.
Deserto bipartito
Fronte á longa nómina de realizacións dos diferentes
executivos autonómicos do Partido Popular, Martínez Sanjurjo concluíu que a
Xunta bipartita de PSOE e BNG “nada” fixo neste concello, “malia que gobernaron
nuha época de vacas gordas”. Como única
excepción neste deserto de actuacións, o voceiro popular admitiu que “témoslle
que agradecer á Xunta bipartita e a
Regos, o adefesio do novo Concello, que nin un só veciño reclamaba, e mailo mérito de ter posto en perigo a
integridade da antiga sede municipal”.
O mitin comezou coa intervención do concelleiro popular José
Manuel Gestal, quen avanzou que nos comicios do 21 de outubro se pode escoller
entre un proxecto sólido, cun presidente que ten demostrado a súa capacidade de
xestión, ou unha “Xunta desgobernada por cinco ou seis presidentiños”.
Votar pensando en Galicia
A candidata do Partido Popular pola Coruña e exdelegada
territorial da Xunta na Coruña, Belén Docampo, pediu aos asistentes que “cando
vaiades votar, pensade simplemente en Galicia” e recordou que “os que xeraron o
caos do bipartito preséntanse agora outra vez, pero unha vez máis sen programa,
sen proxecto e sen ideas, co obxectivo de sacar ao PP da Xunta”, como se puxo
de manifesto nos debates celebrados esta semana.
Belén Docampo insistiu en que, gracias á xestión de
Feijóo, “Galicia é a Comunidade menos
endebedada de España”, non precisa pedir préstamos ao Estado e preserva os
servizos públicos.
A candidata popular referiuse tamén á “confianza” que a
xestión de Feijóo xera entre os investidores estranxeiros e puxo como exemplo
os acordos asinados con Pemex.
Investimento da Xunta no CEIP Campomaior
A que ata hai pouco foi delegada territorial da Xunta de
Galicia na Coruña eloxiou tamén o traballo que está a desenvolver o portavoz
municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, e o seu equipo, e
anunciou que, como consecuencia das xestións levadas a cabo polo PP local, a
Xunta de Galicia efectuará en breve un investimento importante na mellora das
instalacións do CEIP Campomaior.
Belán Docampo atribuíu a decisión á mediación do equipo do
PP local, que se reuniu coa comunidade escolar e trasladou as necesidades do
centro á delegación da Xunta. As diferentes xestións correron a cargo do
portavoz municipal, José Luis Martínez, e da concelleira Susana Mosquera.
O investimento da Xunta no CEOP Campomaior rondará os 50.000
euros e permitirá mellorar o equipamento do centro, con novos baños e novas
dotacións.