·
“Feijóo pagou as débedas e fixo fronte aos compromisos
adquiridos como o que é: un home de palabra”
·
“Todos recordamos o que sucedía en Galicia co bipartito
de Touriño e de Quintana, que deixaron pufos e facturas sen pagar por todas
partes”, sinala Martínez Sanjurjo
·
Diego Calvo aclara que a actualización do IBI é
consecuencia dunha decisión exclusiva do Concello de Ordes
Ordes, 8 de outubro de 2012.- “Galicia debe
elixir entre un Goberno responsable, que xestiona os cartos públicos como o que
son, os cartos de todos e cada un de nós; que non gasta o que non ten, e que paga as
súas facturas; ou un remexido de siglas que nin comparten programa, nin
ideoloxía, nin principios. Non comparten máis que o obxectivo de chegar á Xunta
para repartirse o botín”, Son palabras do portavoz municipal do Partido Popular
de Ordes, Jose Luis Martínez Sanjurjo, nun mitin celebrado este luns en
Montaos.
Martínez Sanujurjo animou aos
asistentes a facer memoria e recordar o que sucedía en Galicia co bipartito de
Touriño e de Quintana. “Repartiron a Xunta para poder fardar dun coche máis
caro que o de Obama, no caso de Touriño; ou para desviar autobuses de xubilados
para levalos a un mitin do BNG, como fixo Quintana. Eso sí, deixaron pufos e
facturas sen pagar por todas partes”, aseverou o voceiro popular.
“Se iso
sucedeu cun bipartito, ¿qué non acontecerá cun muchipartito remexido e
competindo en sí por un cacho de tarta da Xunta?”, preguntou.
Sopa de siglas
Na súa
alocución, o portavoz municipal do PP de Ordes amosouse convencido de que a cita electoral do próximo 21 de outubro
será unha das máis importantes da historia de Galicia. Nestes comicios, agregou José Luis Martínez, debemos decidir
entre continuar cun Goberno serio, responsable, respectado e recoñecido fóra de
Galicia; un Goberno con sentidiño; ou desbotar todo o feito ata o de agora para
que unha suma de siglas faga saltar todo polos aires”.
“Aquí non
se pechan quirófanos, nin os nenos teñen que levar fiambreira aos colexios,
como sucede en Cataluña, onde tamén tiveron un tripartito, ao que seguiu a
xestión irresponsable dun goberno nacionalista”, alertou o orador popular.
Home de palabra
A
diferencia do que está suceder noutras Comunidades, en Galicia “Feijóo pagou as
débedas herdadas e fixo fronte aos compromisos adquiridos, como o que é: un
home de palabra”, insistiu o portavoz dos populares ordenses.
Actualización
do IBI
Martínez
Sanjurjo foi precedido polo concelleiro popular José Manuel Mira que apelou ao
voto útil nas vindeiras autonómicas, ademais de aclarar, diante dos
asistentes, que a actualización do Imposto de Bens Inmobles (IBI) que está a
xerar un notable malestar veciñal, é consecuencia exclusiva dunha decisión do
Concello de Ordes.
Esta
afirmación foi refrendada polo presidente da Deputación Provincial da Coruña,
Diego Calvo, quen aclarou que, neste asunto, a Administración provincial se
limita a recadar o importe que fixa en exclusiva o Concello de Ordes.
Felicitou
tamén Calvo Pouso ao PP de Ordes polo traballo que está a desenvolver e
agradeceu a participación veciñal que se está a rexistrar nos actos organizados
estes días polos populares galegos co obxectivo de conseguir a reelección de
Feijóo como presidente da Xunta.
Diego
Calvo explicou que nas vindeiras eleccións autonómicas, os galegos deben elixir
entre recoller os froitos da xestión responsable de Feijóo, cunhas finanzas
públicas saneadas, ou un conglomerado de siglas presidido por un candidato ao
que rexeitan incluso no seu propio partido. “Ou goberna o PP ou goberna o
caos”, concluíu Diego Calvo.
Pola súa
banda, Paula Prado, candidata do PPdeG ao Parlamento de Galicia explicou que a
xestión desenvolvida nesta lexislatura polo presidente Feijóo converteu a
Galicia na Comunidade máis solvente de España. Por iso, na súa opinión, “somos
máis libres porque podemos xestionar os nosos cartos sen que ninguén nos diga
como facelo”, e calquera outra opción distinta ao PP implicará dar pasos atrás
e perder oportunidades.