· Defenderá a proposta no vindeiro pleno municipal, dados
os trastornos causados aos usuarios pola instalación de bolardos que impiden o
estacionamento nas inmediacións da peaxe
· A iniciativa pretende incentivar a posibilidade de
compartir vehículo e aforrar gastos
· Martínez Sanjurjo reclamará unha postura unánime da Corporación
local para dirixirse á empresa titular da Autoestrada
Ordes, 12 de
setembro de 2012.- O Partido Popular
defenderá no vindeiro pleno municipal unha moción para instar á empresa
titular da Autoestrada do Atlántico a habilitar un espazo de estacionamento
gratuíto ao carón da peaxe de Ordes, tratando de facilitar así que algúns
usuarios poidan compartir vehículo a partir dese punto, co correspondente
aforro de combustible e de tarifas.
Desde
hai tempo, numerosos usuarios da AP-9, Autoestrada do Atlántico, viñan
utilizando o acceso exterior da peaxe de Ordes para estacionar os seus
vehículos.
Bolardos que impiden estacionar
Sen
embargo, en datas recentes, as marxes laterais do acceso á peaxe de Ordes foron
delimitadas con bolardos que impiden o estacionamento de vehículos e provocan
graves trastornos aos usuarios que, tradicionalmente, compartían vehículo e
aforro desde ese lugar.
En opinión
do portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo,
a dilixencia coa que a concesionaria da autoestrada instalou os bolardos na
peaxe de Ordes e a rapidez coa que aplica a suba das súas tarifas contrasta coa
deixadez coa que esta mesma empresa actuou noutros momentos, provocando
trastornos que aínda persisten na memoria colectiva: atascos quilométricos na
peaxe sen erguer a barreira, mantemento deficiente da vía, inoperancia para
facer fronte a episodios meteorolóxicos adversos previsibles, etc.
O
Partido Popular tamén ten constancia de que cando algún usuario solicitou poder
estacionar nas inmediacións, se lle informou que a única posibilidade sería
entrar na peaxe, obrigándoo, dese xeito, a efectuar un traxecto, co conseguinte
desembolso económico e perda de tempo.
O PP pide unha solución en 15 días
A
moción que o Grupo Municipal do Partido Popular presentará no vindeiro Pleno
pretende que, logo dun acordo unánime da Corporación, o Concello de Ordes se
dirixa á empresa titular da Autoestrada do Atlántico AP-9 para instar a que,
nun prazo non superior a 15 días naturais, elimine os bolardos instalados nos
accesos á peaxe de Ordes e habilite espazos destinados especificamente ao
estacionamento dos vehículos dos usuarios, facilitando que estes podan
compartir coche a partir dese punto, co conseguinte aforro en combustible e nas
taxas de utilización da vía.
Tamén
reclama o PP local que se instale sinalización horizontal e vertical claramente
visible para informar aos usuarios sobre esa oferta de estacionamento.
O
equipo que lidera Martínez Sanjurjo entende que ese estacionamento debe
ofrecerse de balde e sen limitacións temporais, dado que, pola súa
localización, lonxe das áreas habitadas, non é susceptible de ser utilizado de
maneira habitual por persoas que non sexan usuarias da autoestrada.
Na
mesma liña, o PP de Ordes insta ao Concello a estremar a vixilancia para que a
empresa titular da Autoestrada cumpra coa legalidade e asuma as obrigas que ten
recoñecidas, tanto cos usuarios, como co entorno polo que discorre.