- O Pleno municipal aprobou, hai máis de un ano e por proposta do PP, unha moción para instar ao Concello a arranxar as áreas de estacionamento libre, sen que desde entón se teña feito nada para mellorar esta servizo
Ordes, 25 de febreiro de 2015.- Os diferentes estacionamentos
públicos da vila de Ordes, e especialmente os situados ao carón das rúas
Compostela, Víctor González Faya e Nova, presentan un moi deficiente estado de
conservación, mentres o Concello elude os compromisos adquiridos para
arranxalos, segundo denuncia o Partido Popular.
Xa en xuño de 2014, o Partido
Popular levou ao Pleno, onde se aprobou por unanimidade, unha moción para instar
ao Goberno local a arranxar as áreas de estacionamento libres, ademais de
habilitar novas prazas de aparcamento. Sen embargo, e malia ter aprobado a
proposta por unanimidade, o alcalde de Ordes fai caso omiso dos compromisos
adquiridos e non adoptou medida algunha desde entón para materializar o mandato
contido na moción. Con esta actitude, “o alcalde rise dos veciños”, argumenta o
portavoz municipal do Partido Popular, José Luis Martínez Sanjurjo.
Para poñer freo ao mal estado
destes estacionamentos, o Partido Popular presentará un novo rogo no vindeiro
Pleno municipal, no que esixirá ao alcalde que materialice os compromisos
adquiridos e, neste caso, adopte as medidas necesarias para arranxar os
estacionamentos ao aire libre habilitados na vila. A tal efecto, o PP insta ao
Goberno local a que, de acordo cos titulares dos terreos, execute a mellora do
firme e dos accesos, así como a roza lateral cando sexa preciso nestes espazos.
Ao deficiente estado de
conservación dos aparcadoiros súmase a redución do espazo dispoñible. Recorda o
PP que as obras de ampliación dos baixos da Alameda de Ordes non só supuxeron
un quebranto económico para as arcas municipais a cambio dun espazo de discutible
utilidade, senón que tamén privou á vila dun amplo espazo que viña sendo
utilizado, tradicionalmente, como zona de aparcamento no centro do núcleo
urbano.